Publicador de contidos

Publicador de contidos

O triunfo dos sabores das sobremesas galegas convertidas en xeados artesáns

O triunfo dos sabores das sobremesas galegas convertidas en xeados artesáns

Xearte Brigitte, en Santiago, conta co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia

É unha das cen mellores xeaderías de España, segundo dúas revistas gastronómicas

Sorprende con sabores de queixo de Arzúa Ulloa, requeixo, torta de améndoa, queixo con marmelo, castañas...

O xeado de requeixo é un dos preferidos da clientela de Xearte Brigitte en Santiago
G24.gal 15/07/2026 16:40

Santiago conta cunha das cen mellores xeaderías de España e unha das 15 que cómpre coñecer segundo publicaron nas últimas 24 horas dúas revistas gastronómicas.

Apenas unhas horas despois, a pequena xeadería Xearte en Santiago rebordaba de clientela, e iso que xa están afeitos ao boom das recomendacións gastronómicas tras obter un Solete Repsol.

Case todos os que chegaban pedían un Camiño Real, o xeado do que falaban na prensa e que non estará na rúa ata o 25 de xullo, nas Festas do Apóstolo. A xeadeira Brígida Hermida non desvelou o seu segredo mellor gardado, pero si apuntou por onde van os sabores.

Van estar os nosos sabores do Camiño aproveitando os nosos bosques autóctonos, a flor do sabugueiro, as mazás do inverno e o tema tradicional da manteiga nos conventos e a repostería nos conventos.

A clientela consolouse ben a gusto con outros sabores cen por cento autóctonos que logra con ingredientes cen por cento galegos que engaiolaron a todos. A xeadeira desvela cales son os preferidos da rúa, sendo os locais os máis atrevidos á hora de probar novos sabores.

"O máis afamado sen dúbida é o queixo Arzúa Ulloa, despois o licor café, o de torta de Santiago. Fomos evolucionando ata crear os nosos propios sabores pensando neses sabores gastronómicos de Galicia. Á xente chámalle moito a atención sobre todo os de queixo tanto o de queixo con marmelo como o de queixo do Cebreiro con castañas ou o de requeixo con mel e noces", di.

Baixo o selo de Artesanía Alimentaria de Galicia, triunfa coas combinacións de sobremesas para o que só fai falla, di, imaxinación e boa materia prima.

"A Compostelana está a ser un dos nosos éxitos, inspirado no almorzo dunha muller dos anos 60 en Compostela que era poder degustar unha torta de Santiago cun café con leite, cousa que aínda moitos peregrinos seguen facendo. É un xeado de améndoa marcona, que leva salsa de café e crumble de torta de Santiago".

Desde que abriu no 2014 a súa teima foi converter en xeado o produto tradicional galego tamén para os miles de peregrinos que pasan por diante da xeadería, situada na entrada do Camiño Francés. 

"O xeado peregrino, nado en 2014, combina os 3 sabores básicos que calquera peregrino vai degustar en Compostela que é améndoa pola tradición, chocolate polo cansazo e a dose final de ánimo e licor café como culminación do Camiño".

Ano a ano, esta xeadería constata que os galegos imos aumentando tamén o consumo de xeados na casa, sobre todo, no inverno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade