Roi Fernández, director de Augas de Galicia: "Sexamos conscientes de que por diante temos un verán que pode ser complicado"
Roi Fernández, director de Augas de Galicia: "Sexamos conscientes de que por diante temos un verán que pode ser complicado"
32 concellos están en situación de prealerta por seca, o cal polo momento non supón aplicar restricións, pero estas poderían chegar se nas próximas semanas continúa habendo temperaturas altas e non hai precipitacións
"Sexamos conscientes de que por diante temos un verán que pode ser complicado", di Roi Fernández, director de Augas de Galicia, nunha entrevista no programan Bos días. Ante a situación de seca, avanza que os encoros contan con reservas pero a situación en canto a precipitacións e temperaturas pode acelerar que se vaian consumindo.
E é que foron case catros meses, os catro últimos, con moi pouca chuvia e unhas temperaturas insualmente elevadas en moitos puntos de Galicia. E isto deriva nunha unha situación que xa trae as primeiras medidas pola escaseza moderada de auga. Unha prealerta que afecta a 32 concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña.
"Estamos a falar de prealerta en situación de escaseza; ten que ver máis coa demanda, con intentar garantir todos eses usos que temos no día a día", explica Roi Fernández.
"E dentro desa escaseza por demanda hai diferentes escenarios. Agora o que pasamos é da normalidade a esa prealerta, que basicamente o que supón é que se constitúe unha oficina técnica, na que participamos Augas de Galicia, Meteogalicia, Medio Rural e Sanidade para que todos eses indicadores dos que en situación de normalidade imos levando control mensual, aumentamos esa frecuencia e ímonos reunir cada quince días para ver factores como o enchido dos encoros, precipitacións previstas, e as temperaturas para ver como se poden acompasar os recursos que temos coa demanda".
Un dos casos máis destacados é o de Baiona, cuxa singularidade destaca o director de Augas de Galicia: "Ao longo de Galicia Costa, que é o territorio que xestionamos, temos 19 zonas asociadas aos sistemas de abastecemento que hai e onde analizamos eses indicadores. Baiona ten a singularidade de que é unha subzona, co problema da demanda estival".
Polo momento a situación de prealerta, que chega un mes antes que no pasado ano, non presupón a implantación xeral de restricións: "Entramos nun escenario no que estamos a trasladar aos concellos a información para que se tomen a mellores medidas. Sen aínda restricións, porque do que estamos a falar é dun escenario de prealerta, que non ten restricións asociadas".
"Aínda nos quedaría avanzar cara ao de alerta, que esperemos que non. Chegado o momento, se non houbese recursos suficientes entrariamos nunha emerxencia, na que si se despregarían medidas máis intensivas", explica Fernández.
"Agora o que pretendemenos é manexar máis información e máis frecuente e que toda a xente vaia acompasando, que xa o fai, que sexamos conscientes de que por diante temos un verán que pode ser complicado, e que os escenarios seguintes cheguen o máis tarde posible".
Por iso nestes momentos, son os concellos os que atendendo a súas singularidades toman as decisións: "O abastecemento e unha competencia municipal, e en situacións de normalidade ou prealerta, ninguén asume esas competencias e son eles os que, en función das súas circunstancias, toman as decisións".
"Se evolucionásemos a escenarios máis complexos si que habería obrigas que podería tomar a administración autonómica, pero polo de agora os concellos son os que seguen a tomar esas decisións", sinala o director de Augas de Galicia, quen cre que a actual situación era de agardar tendo en conta que pasado o inverno os meses que viñeron foron moi secos.
"A situación case era previsible desde que acabaron as chuvias, o 1 de marzo. Meteogalicia ofrecía onte os datos na Mesa da Seca. Houbo 800 litros por metro cadrado nos primeiros dous meses do ano, e desde aquela só 200. Sabiamos que ía pasar algo así. É certo que os encoros están nove puntos por debaixo da media dos últimos anos dez anos, pero aínda hai reservas. Temos que ser conscientes da situación e ir vendo o que vén".
"Eu son o primeiro que pide responsabilidade, creo que a cidadanía esta téndoa, pero debemos centrar o foco onde hai problemas. A zona do Lérez e Pontevedra é onde sempre houbo máis tensión; o Anllóns tamén volve repetir. No resto estamos en circunstancias de normalidade. As medidas deben ser sempre proporcionadas, sen perder o contexto", conclúe Roi Fernández.