A Xunta activa a prealerta por seca en 32 municipios de Pontevedra e A Coruña
Son os da zona do río Lérez (Pontevedra) e do Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, ante a escaseza moderada de auga
Segundo a Consellería de Medio Ambiente, desde o punto de vista da seca, a situación é de normalidade no conxunto da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, pero decidiu activar a prealerta como medida de precaución
Recoméndase un uso o máis responsable posible da auga, evitar encher piscinas ou regar con auga potable e optar por duchas no canto de baños, funcións eco dos electrodomésticos e pechar a billa cando non se use
A Xunta activou este mércores a situación de prealerta por seca en 32 municipios dos sistemas do río Lérez (Pontevedra) e do Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, ante a escaseza moderada de auga.
A decisión foi tomada pola Oficina Técnica da Seca, que acordou tamén medidas equivalentes a un escenario de prealerta, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona.
Os técnicos tiveron en conta tanto os datos meteorolóxicos de xuño e as previsións de xullo como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza.
Segundo explicou a Consellería de Medio Ambiente, desde o punto de vista da seca a situación é de normalidade no conxunto da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, pero decidiu activar a prealerta como medida de precaución.
Houbo un notable descenso dos caudais circulantes no Lérez, cunha diminución moi acusada no último mes, e o Anllóns, redución das achegas significativa desde maio, debido á falta de precipitacións e as elevadas temperaturas.
No caso de Pontevedra e o subsistema de Baiona, tamén se tivo en conta o aumento de poboación no verán.
As previsións meteorolóxicas anticipan un inicio de xullo marcado polas altas presións e tempo seco e unha segunda quincena sen cambios significativos pero posibles tormentas locais.
Os municipios afectados no sistema do Lérez son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa.
Na conca do Anllóns, son Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas.
A ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa sitúase no 89,4 %, case un 9 % por baixo do dato de 2025, pero só un pouco por baixo da media nos últimos dez anos.
Medidas da prealerta
A prealerta implica realizar un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros e medidas de concienciación para a cidadanía.
Nos 32 municipios afectados e en Baiona recoméndase á poboación un uso o máis responsable posible da auga, evitar encher piscinas ou regar con auga potable e optar por duchas no canto de baños, funcións eco dos electrodomésticos e pechar a billa cando non se use.
Aos municipios recoméndaselles minimizar os consumos municipais non esenciais, como baldeos, rega de parques e xardíns ou duchas de auga potable nas praias.
A Xunta solicitou a implicación dos municipios para establecer medidas que consideren apropiadas.
Algúns concellos xa toman medidas
Algunhas das medidas xa foron postas en marcha por algúns municipios que se adiantaron á declaración oficial de prealerta por parte da Xunta.
O último foi Vigo, que este mesmo martes anunciou que reducirá as regas, clausurará as duchas das praias e as fontes ornamentais sen circuíto pechado e prohibirá lavar coches e encher piscinas.
O alcalde, Abel Caballero, alertou de que o encoro de Eiras que abastece á cidade estaba nun 86,7% ao 6 de xullo, por baixo do nivel do ano pasado e tamén de 2017, cando houbo un "episodio de seca severa".
A pesar de que a urbe conta con reservas de auga para cinco meses, decidiu limitar os usos non prioritarios e pedirá aos outros municipios abastecidos por Eiras -Soutomaior, Redondela, O Porriño, Mos, Cangas, Moaña, Gondomar e Nigrán- que fagan o mesmo.
Tamén anunciou restricións esta semana Baiona, que alertou dunha "alarmante baixada" das reservas do encoro de Baíña, o cal se atopa no 63,03% da súa capacidade fronte ao 85,43% do ano 2025 por estas mesmas datas.
Prohibiu encher piscinas, a rega de xardíns, hortas e zonas verdes -salvo casos excepcionais-, o lavado de vehículos e o baldeo de rúas, patios e beirarrúas, pecharanse as duchas e lavapiés das praias e a limpeza viaria municipal e a rega faranse con auga que non proceda da rede de abastecemento, e non descarta adoptar novas medidas se a situación empeora.
Quen non impuxo restricións pero si asegurou que o caudal do Lérez xa está en situación de alerta é o Concello de Pontevedra, que reclamou datos oficiais á Xunta e criticou que non son accesibles "desde hai mes e medio".
En resposta, a conselleira insistiu en que a prealerta por seca avalíase cando así o indican os informes de Augas de Galicia: "É agora o momento, non ten por que ser antes".
Na mesma provincia, Pontecaldelas non permite usar a auga da traída para regar, lavar coches e outros usos esenciais, e outros municipios publicaron recomendacións no mesmo sentido.
Pola súa banda, o Concello de Santiago limitou a semana pasada as regas municipais ao "imprescindible" para que subsistan as plantas e pediu un consumo responsable aos seus cidadáns debido ao baixo nivel do Tambre.
Padrón, Ames e Touro, na provincia da Coruña, pediron precaución no uso da auga aos seus cidadáns e lanzaron campañas de concienciación.
En Ourense, Xunqueira de Ambía pediu aos seus veciños que non enchan piscinas nin reguen coa auga destinada a consumo doméstico, e Esgos directamente prohibiuno.