Declaran a Galicia Capital Iberoamericana da Gastronomía Saudable
Nos próximos doce meses organizaranse proxectos e actividades para recoñecer os beneficios da dieta atlántica galega
Galicia acaba de ser declarada a primeira Capitalidade da Gastronomía Saudable que outorga a Academia Iberoamericana de Gastronomía, tal e como queda reflectido nun acordo asinado este venres en Madrid polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da institución gastronómica, Rafael Ansón. Ao longo dos próximos doce meses organizaranse proxectos e actividades para recoñecer os beneficios da dieta atlántica galega.
Durante o acto, Rafael Ansón reivindicou a importancia que ten a alimentación na nosa saúde (apuntou que é responsable do 86 % das doenzas crónicas) e na nosa sociabilidade. O presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía tamén explicou que este recoñecemento á comunidade galega está baseado en estudos europeos que defenden que o territorio de Europa cunha alimentación máis saudable é Galicia, "por diante da dieta mediterránea", remarcou.
Alfonso Rueda engadiu o reclamo que supón a gastronomía galega para o turismo e destacou que o 35 % dos viaxeiros din que é a razón principal para elixir Galicia como destino. "Ademais é un turista que queda máis tempo e que ten un nivel de gasto superior á media, e isto, cando falamos de turismo, é algo que nos interesa a todos", afirmou o presidente da Xunta.