Publicador de contidos

Publicador de contidos

En marcha o rexistro para empezar a controlar os bares sobre rodas

En marcha o rexistro para empezar a controlar os bares sobre rodas

Ata agora este tipo de negocios estaban nunha sorte de limbo administrativo

Os chamados food trucks pasarán máis inspeccións e poderán recibir sancións

G24.gal 07/08/2025 14:43 Última actualización 07/08/2025 18:19

O tamaño non importa. Os bares sobre rodas, furgonetas que serven alimentos ou food trucks, teñen que cumprir as condicións dun restaurante. As mesmas pero en menos espazo. Ata o momento, este tipo de negocios, relativamente recentes, estaban nunha especie de limbo administrativo. Pero o Estado promulgou un real decreto que lles encarga ás comunidades autónomas o deber de controlalos. A Xunta acaba de aprobar a súa propia norma, que será efectiva decontado. Por vez primeira, Galicia terá un rexistro oficial de vehículos de restauración.

"Ata agora o control sobre este tipo de vehículos de venda ambulante non se estaba executando na práctica xa que a nosa normativa os excluía das actividades de control oficial", explica José Ángel Viñuela, xefe de servizo de Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade.

"A realidade é que, aínda que non estea moi lexislado en Galicia, hai moita inspección sanitaria por tanto o diría que o 99,9 por cento dos casos está todo moi controlado, moi vixiado", asegura o lugués Alberto Pais, diante da furgoneta amarela da súa Malasogra Burguer.

Agora, os bares sobre rodas pasarán máis inspeccións periódicas. O seu gran reto é funcionar como calquera restaurante en só catro ou seis metros cadrados e onde teñen que convivir e moverse, dúas, catro ou seis persoas.

"Nós temos condicións óptimas de auga quente, fría, antiescorregadizo no chan, táboas de corte, neveiras...", describe Ricardo Sánchez no interior da Estrambótica Lunch Wagon. A súa compañeira de vida e cociña, Patricia Frade, engade: "Ao final é como ti teñas todo de limpo e de ordenado e iso vai na formación que teña cada un".

"Cada vez cóidanse máis e vense cousas máis bonitas e máis coidadas", apunta Brais Domínguez, xerente de Cafés Salzillo, mentres levanta a porta do seu 'motocafé' ou motocarro-cafetería.

O decreto da Xunta tamén contempla posibles sancións para os food trucks que incumpran as normas. As máis graves poden chegar aos seiscentos mil euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade