Os mitos contra a calor: que efecto teñen o picante, o azucre ou a cervexa?
En días de altas temperaturas recoméndase beber como mínimo un litro e medio ou dous de agua
A froita de temporada e as verduras son fundamentais para manter unha boa hidratación
Con calor, cabeza fría, Non existen remedios milagreiros para aliviar a sensación de bochorno que sentimos durante o verán. O fundamental é asegurar unha boa hidratación, cando menos beber un litro e medio ou dous de auga ao día. E tamén outras bebidas poden ser saudables. Pero non é xeo todo o que reloce: algunhas solucións son contraproducentes e non se debe abusar delas. O azucre, abundante en refrescos ou xeados, a cafeína e o alcol só poden consumirse en pequenas cantidades.
"En realidade, as bebidas máis doces calman a sede de xeito temporal, pero logo, como elevan a insulina, pode darnos un baixón", advirte Amil López, farmacéutica e nutricionista de Vigo.
"Non se pode hidratar un a base de cafeína, pero por tomar un café non pasa nada", explica Javier de la Fuente, o xefe de Medicina Interna do hospital Ribera Povisa. "E o mesmo pasa coa cervexa. Se se hidrata un a base de cervexa, vai ter consecuencias moi negativas".
Tamén hai mitos sobre o picante. Hai quen di que é o mellor para evitar un inferno. Pero, como tantas cousas, depende...
"Porque realmente o picante é termóxeno, activa a calor interna e o metabolismo. Así que hai xente que pode levalo moi ben pero a outra pode activarlle máis a sensación de golpe de calor", explica Amil López, de Dieta Coherente.
En cambio, son un valor seguro a froita e as verduras, que conteñen moita auga. Variedades de temporada como o melón ou a sandía ou clásicos como a leituga, con máis dun noventa por cento de auga. En xeral, o consello é ser prudente.
"Hai que ter en conta que, se se bebe moita, moita auga, hai que tomar unha cantidade pequena de minerais porque beber só auga pode provocar unha intoxicación acuosa", aclara o xefe de Medicina Interna de Povisa.
Na maioría dos casos os síntomas dunha deshidratación son doados de identificar: cansazo excesivo ou mareo. Pero persoas de idade avanzada ou que estean tomando certa medicación poden non percibilo e deben beber con frecuencia, mesmo sen ter sede.