Segue en aumento o número de alumnas nas clases e talleres de tradición oral
A recompiladora Leni Pérez asegura que hai un boom con milleiros de persoas que están buscando as súas raíces
O vindeiro sábado, o día das Letras Galegas renderá homenaxe ás cantareiras e pandeireteiras, as que resgardaron a lírica popular galega. Nós quixemos compartir cun grupo de mulleres de hoxe, en Nigrán, un taller de percusión e folclore impartido por Leni Pérez.
Dentro deste muíño de Porto de Molle, en Nigrán, soa a percusión. A prestixiosa folclorista, recompiladora e intérprete Leni Pérez imparte unha clase mestra de folclore de tradición oral. Fóra de aquí ten xa 200 alumnas repartidas en nove escolas.
"Hai unha evolución grande desde os anos oitenta, e as pandeireteiras case non estabamos enriba dos escenarios. E agora hai un 'boom' marabilloso con miles de mulleres e de homes que queren aprender a tocar a pandeireta, que queren aprender a bailar, a cantar, e que están buscando as súas raíces", conta a TVG Leni Pérez, folclorista e intérprete.
"Alégrame moitísimo. Á parte que hai moitísima xente nova. Se vas a algún serán quedas abraiado da xente nova que hai, que lle gusta, que se divirte, e que sabe. E iso é porque están aprendendo e encántame mirar iso", explica Josefa Rodríguez, alumna do taller de folclore galego e percusión en Nigrán.
Cunchas, sachos, piñas, castañolas de peito ou latas de pementón. Todo iso se usaba nas casas galegas cando os cartos e os tempos non daban para pandeiros e pandeiretas.
Hoxe, cando a Real Academia Galega homenaxea as cantareiras e pandeireteiras, esas historias do folclore galego lévaas nos beizos e compárteas coas súas alumnas Leni Pérez.
"Hai moitas rúas, moitas estatuas que falan de gaiteiros e vai sendo hora que de verdade se valore as mulleres. Porque elas foron as que mantiveron viva toda a nosa tradición oral nas aldeas", relata Leni Pérez, folclorista e intérprete.
"A continuidade da tradición. Eu lembro desde moi pequena, miña avoa, cando rematabamos un xantar ou unha festa que se celebraba na casa, ela cantaba e nós tocabamos coas man, ensinounos a tocar coas mans na mesa", explica Ruth Lomba, unha alumna deste taller de folclore galego e percusión impartido en Nigrán por Leni Pérez.
O 17 de maio celebramos a poesía popular oral personificada en sete cantareiras que garantiron e preservaron oralmente, na vida cotiá, o noso folclore.