Rescatados os tres tripulantes dunha embarcación que afundiu na ría de Corcubión
Un golpe de mar envorcou a súa lancha preto do arquipélago de Lobeira Grande e os propios náufragos avisaron o 112
Salvamento Marítimo rescatou os tres tripulantes dunha embarcación de recreo que afundiu este sábado na contorna do arquipélago de Lobeira Grande, na ría de Corcubión. Dous deles presentaban síntomas de hipotermia.
O sinistro produciuse por un golpe de mar entre os faros de Lobeira e Cee. Segundo informa a entidade pública adscrita ao Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible, a embarcación inundouse e os seus tripulantes caeron á auga.
Os propios náufragos avisaron por teléfono móbil o servizo de emerxencias sobre as 9:50 horas mentres aboiaban no mar. O Centro de Salvamento Marítimo (CCS) de Fisterra activou de inmediato o protocolo de actuación.
Ademais de mobilizar o helicóptero Helimer 402 e a embarcación auxiliar do buque María Pita, alertaron os barcos que se atopaban na zona para solicitar a súa colaboración.
Síntomas de hipotermia
A embarcación auxiliar do María Pita logrou rescatar ás 11:00 horas os tres tripulantes, dous deles con síntomas de hipotermia. Despois, trasladounos ao porto de Cee para recibiren atención médica.
A lancha afundida quedou balizada na zona e, unha vez completado o desembarco das persoas rescatadas, regresou ao lugar do naufraxio para proceder ao seu remolque.
Salvamento Marítimo lembra que "unha alerta a tempo" é sempre "o mellor salvavidas".