Rescatan un can atrapado no río Tambre en Ames
Voluntarios de Protección Civil desprazáronse ata o lugar para rescatar un can que se atopaba illado a causa da enchente do río Tambre
A media mañá deste mércores os efectivos de Protección Civil de Ames recibían unha chamada alertando da presenza dun can no río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira que non era quen de saír polos seus medios.
De inmediato trasladáronse ata o lugar dous voluntarios para intentar sacalo. "Estaba nunha pequena illa entre pedras, pensamos que caeu máis arriba no río e escapou da corrente", conta un dos homes que o rescatou.
Unha vez na zona, o primeiro que fixeron foi buscar o mellor lugar para poder acceder ata o punto en que se atopaba o animal: "Primeiro estivemos buscando a zona onde menos corrente había e resultou ser esta pasarela no remanso do río", di.
Malia que non se sabe como chegou o can ata A Ponte Maceira, coidan que puido esvarar e caer ao río noutro punto máis apartado. Cando chegaron ata el, o animal amosou colaboración no rescate. "Estaba un pouco asustado e non houbo problema con el", explica o voluntario.
O can non levaba chip de identificación, así que nun primeiro momento realizóuselle unha inspección veterinaria e despois trasladárono ata a canceira.
Unha historia que remata cun final feliz, despois de que o seu propietario conseguira localizalo e o levara xa de volta á súa casa.