Día Mundial da Protección Civil, en recoñecemento dos que traballan nas emerxencias
Os informativos da Galega acompañaron neste día aos voluntarios da base da Pobra do Caramiñal
Na base de Protección Civil da Pobra do Caramiñal, a de hoxe foi unha xornada tranquila, polo menos ata a tardiña.
"Como un día normal. Na base, facendo as tarefas de mantemento e atento ao móbil a calquera chamada que nos requira", explica Brais Rodríguez, voluntario da Agrupación de Protección Civil da Pobra do Caramiñal.
Agora mesmo son 34 persoas as que pertencen a esta agrupación. Todas voluntarias, que actúan en emerxencias de todo tipo: accidentes de tráfico, extinción de lumes ou asistencia sanitaria.
"Temos técnicos, enfermeiros, médicos, bombeiros forestais, brigadistas, peóns. Todos aquí somos profesionais", di Brais Rodríguez, voluntario da Agrupación de Protección Civil da Pobra do Caramiñal.
Brais leva desde os 18 anos en Protección Civil. Os voluntarios teñen que pasar por un curso básico na Academia Galega de Seguridade.
"Miña nai aprendeume que non lle había que ter medo ás emerxencias, que había que intentar axudar no que se puidera. Ela foi tamén voluntaria hai tempo. E vin a Protección Civil porque me gusta o tema das emerxencias, gústame axudar á xente" conta Brais Rodríguez, voluntario da Agrupación de Protección Civil da Pobra do Caramiñal.
Neste Día Mundial da Protección Civil lembran que son das poucas agrupacións que fan garda as 24 horas do día. E que son profesionais pero traballan de balde, moitas veces en situacións críticas.
"O Nivel 2 de emerxencia cando ardeu toda a Barbanza, a covid foi moi difícil tanto en temas de desinfección das rúas como de entrega de máscaras, descoñecer se interactuabas con persoas infectadas, todas as medidas preventivas. E tamén o apagón", sinala as intervencións que lles deixaron máis pegada.