Novos achados no sorprendente castro de San Vicente
Acaban de retomar as escavacións, suspendidas polas borrascas deste inverno
O castro de San Vicente, ou San Vicenzo, é o de máis recente escavación en Galicia. Comezaron en 2023, e non deixa de sorprender. Na zona onde están traballando agora, aflora unha vivenda romana, co seu banco de pedra e as bisagras das portas, de vintecinco quilos de peso.
"A través da pedra e o furado sustentaríase un poste de madeira que é o que facía xirar a porta. A primeira hipótese de traballo é a reocupación deste espazo", explica Jorge Lamas Bértolo, arqueológo director da escavación.
Unha parte da edificación destinábase a almacén. Sábeno polos restos cerámicos. Un quebracabezas de anacos que compoñen potes e as ánforas onde almacenaban sobre todo líquidos: "Viño, aceite ou garum, unha especie de salsa de pescado que tiñan os romanos", continúa Jorge Lamas.
Na escavación anterior, os restos eran castrexos, do século II antes de Cristo. Un tríscele e unha cruz embolada que marabillaron os seus descubridores.
O orgullo esténdese aos veciños de Avión. A comunidade de montes está entregada ao proxecto e tamén a asociación cultural vive Avión, que presume do lugar estratéxico onde se asenta o castro, con vistas de 360 graos.
Amancio Bruquet, presidente da asociación cultural Vive Avión: "Nestas últimas nevaradas temos unha foto que se ve ao fondo Cabeza de Manzaneda. Tamén se ve o Invernadoiro".
Daniel Gabián, presidente da comunidade de montes de San Xusto: "Poñer en valor Avión no só polos cartos e as casas, senón polo patrimonio que temos aquí".
E queda aínda moito por escavar, incluídas as murallas que rodeaban e protexían o asentamento.