A primavera adiantou a súa chegada ao pazo do Faramello
As ameixeiras xaponesas do pazo xa floreceron
Este espectáculo natural, exótico e efémero atrae visitantes
O pazo do Faramello, a medio camiño entre Santiago e Padrón, é o último pazo que atravesa o camiño portugués antes de chegar a Compostela. De comezos do século XVIII, o Faramello é único, entre outras cousas, pola súa orixe industrial.
"Fíxose como a primeira fábrica de papel de Galicia, a Real Fábrica de Papel do Faramello", precisa Cristina de Castro, guía do pazo.
Nestas datas, o pazo ten un motivo engadido para presumir: o florecemento das súas ameixeiras xaponesas, un espectáculo natural, exótico e efémero.
"Enterámonos por casualidade de que existía esta floración de orixe xaponesa e que duraba só quince días e dixemos: imos ir vela inmediatamente", conta un visitante.
A razón pola que estas ameixeiras orientais chegaron aquí é unha curiosidade máis deste lugar.
"Porque no século XIX, os pazos históricos, o Faramello está entre eles, competiron a ver quen traía variedades diferentes e aquí trouxeron as ameixeiras", relata Cristina de Castro.
Isto permitiu descubrir que o clima húmido de Galicia vaille moi ben a esta pequena árbore orixinaria da China e domesticada no Xapón.
"É unha visita que supera verdadeiramente o que un esperaba", afirma un visitante.
"Penso que pode ser interesante vir en calquera momento do ano, pero especialmente agora", opina outro.
A floración das ameixeiras xaponesas do pazo do Faramello é un referente da primavera galega.
"Din que en Galicia a primavera comeza cando elas florecen. É o que se coñece como o sakura galego", subliña a guía do pazo.
Estes días, os xardíns do pazo permiten gozar tamén das magnolias, que coinciden en floración coas ameixeiras, e da coñecida como flor de inverno, a camelia, que aínda pode aguantar ata mediados de abril.No pazo teñen 300 variedades.