Publicador de contidos

Publicador de contidos

Continúa a busca de dous desaparecidos en Cataluña e Asturias pola enchente de ríos

Continúa a busca de dous desaparecidos en Cataluña e Asturias pola enchente de ríos

En Llinars do Vallès buscan un home arrastrado pola auga 

En Asturias retomáronse esta mañá os traballos para localizar unha muller que caeu a un río 

Dispositivo de busca para localizar a muller desaparecida en Asturias. EFE/Guardia Civil.
G24.gal 07/03/2026 21:26 Última actualización 08/03/2026 11:34

Prosegue a busca dun home arrastrado pola auga co seu coche nunha riera de Llinars do Vallès (Barcelona) e tamén da muller de 56 anos que caeu ao río Silvestre en San Martín do Rei Aurelio (Asturias).

A procura do home que este venres foi arrastrado pola auga, en pleno temporal de choiva, en Llinars continuou durante a noite, pero con menos efectivos.

Os equipos de emerxencias, integrados por efectivos de Bombers, Mossos e policía local de Llinars, ampliaron ata o mar os traballos de rastrexo do home, polo que traballaron nun tramo de case corenta quilómetros.

Á procura incorporáronse mergulladores dos Bombers de Barcelona.

A procura da muller que caeu a un río en Asturias retomouse este domingo

Este domingo continúan as tarefas de busca da muller, de 56 anos, que desapareceu tamén este venres tras caer ao río no concello asturiano de San Martín do Rei Aurelio.

Os equipos de rastrexo xa comprobaron un tramo de case nove quilómetros do río Silvestre e centraron os seus esforzos na desembocadura do leito no río Nalón. A vítima foi arrastrada pola auga cando pretendía encher un caldeiro, preto da súa vivenda.

A enchente que levan os ríos por mor da última choiva está a dificultar os traballos de busca. No operativo participan medio cento de persoas, entre bombeiros, servizos de emerxencia, protección civil, así como Garda Civil e Policía Local.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade