Publicador de contidos

Publicador de contidos

Encontro de músicos tradicionais no Son da Gaita de Poio

Encontro de músicos tradicionais no Son da Gaita de Poio

Buscan dar a coñecer linguaxes interpretativas diferentes a partir dun mesmo instrumento

Participan tamén estudosos da gaita e artesáns

G24.gal 26/10/2025 14:39 Última actualización 26/10/2025 15:02

A Casa Rosada de Poio acolleu este domingo a sexta edición do Son da Gaita, un encontro que organiza a Asociación Pai da Cana que reúne a todos aqueles profesionais e afeccionados ao noso instrumento tradicional.

Na parte artística desta edición do Son da Gaita os instrumentos arrincan a soar, soas ou en polifonía e con diferentes repertorios. Todas as gaitas teñen cabida neste encontro. 

"O obxectivo é xuntar unha vez ao ano as diferentes maneiras de entender o instrumento no país. Non hai unha única gaita galega nin un único xeito de tocala", asegura Óscar Ibáñez, presidente da asociación organizadora

"Somos unha tribu de gaiteiras, gaiteiros e artesáns que formamos unha familia tremendamente extensa. Somos unha das comunidades autónomas onde a música patrimonial ten un arraigo social moi significativo e importante", recoñece o músico Anxo Pintos

Só unha muller no cartel de solistas, Nadia Vázquez, que reivindica o papel das gaiteiras na nosa tradición musical que moitas delas manteñen desde a infancia.

"Comecei con oito aniños. Miña nai é redeira e cantaba mentres ataba, e grazas a ela supoño que escollín a gaita no conservatorio e aquí estou, vinte anos despois. Nunca imaxinei que podería tocar por todo o mundo grazas á gaita e por iso estou moi agradecida e contenta", di Nadia Vázquez

Tamén están os artesáns, que cualifican o momento actual como o máis brillante na historia da nosa gaita.

"Hai unha mina para investigar entre o que había antes e aplicar o que sabemos agora da gaita contemporánea, podemos sacar un híbrido dunha gaita cunhas posibilidades enormes", asegura o artesán e gaiteiro Álvaro Seivane

A xornada remata cunha comida e foliada coa actuación de Pelica de Can e coa dos artistas que se queiran unir ao longo da sobremesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade