A Feira do Viño de Pantón reúne 32 denominacións de orixe de toda España
Esta mostra celebrou a súa edición número trinta e supón un revulsivo económico para toda a Ribeira Sacra
Participaron as nove adegas da zona que colleitan uvas nas tres ribeiras do territorio, as do Miño, o Sil e o Cabe
Centos de persoas puideron gozar e degustar os viños da Ribeira Sacra na tradicional feira de Pantón.
Son viños con selo de calidade, con denominación de orixe e que moitos definen como caldos persistentes, doces e afroitados.
"Os caldos son bos, cada día son mellores, en Pantón desfrútase de bos viños".
"A min gústanme todos os viños pero os de aquí son uns viñazos, sobre todo os desta zona".
"É o mellor que hai, o da Ribeira Sacra", din algúns dos visitantes á feira.
Esta mostra de viños celebrou a súa edición número trinta e supón un revulsivo económico para toda a comarca. Participaron as nove adegas da zona que colleitan uvas nas tres ribeiras coas que conta o territorio, as do Miño, o Sil e o Cabe.
"Que sexa un viño especial faino a contorna, o noso é un viño metade Miño metade Sil, iso faino agradable de beber", di María Nieves Gómez, adegueira.
"É un viño gorentoso, persistente", engade Juan Vázquez, outro adegueiro.
"Nós só facemos tinto, non facemos branco. Temos uvas que cobren practicamente as tres ribeiras, a do Cabe, a do Sil e a do Miño", destaca Pepín Cadórniga, adegueiro.
Estaban tamén representadas outras 31 denominacións de orixe de toda España nunha feira do viño que é todo un referente.
