Na Ribeira Sacra prevén un verán de récord
Catamaráns, hoteis e casas rurais xa teñen unha chea de reservas a estas alturas
Para xullo o 70 por cento das prazas hoteleiras e en casas rurais están xa reservadas, e un 80 por cento para agosto
A unha semana para que comece o verán, os catamaráns que percorren o Canón do Sil estaban xa este mediodía cheos de turistas. Para xullo e agosto, as empresas dos barcos non deixan de recibir chamadas para reservar.
O mesmo acontece cos aloxamentos. Malia que aínda é pronto para ter unhas cifras definitivas, as previsións de ocupación para este verán son moi boas: un 70 por cento xa das prazas hoteleiras e de turismo rural están reservadas para o xullo, para agosto un 80 por cento.
A candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial deulle aínda máis pulo a este destino turístico. Na Ribeira Sacra vén por diante un verán no que prevén récord de turismo.