Publicador de contidos

Publicador de contidos

O aumento do turismo eleva os prezos en España: xa custa o mesmo ir ao Caribe que ás Canarias

O aumento do turismo eleva os prezos en España: xa custa o mesmo ir ao Caribe que ás Canarias

A previsión é que este ano 98 millóns de estranxeiros visiten territorio español

Cuba ou Albania convértense en alternativas a destinos cada vez máis caros como Menorca

G24.gal 05/06/2025 15:22

Pode comprobarse en calquera axencia de viaxes. O aumento dos prezos no turismo está a provocar que, a día de hoxe, poida ser máis barato ir de vacacións ao Adriático ou ao Caribe que ás illas Baleares, por exemplo.

Hai destinos nacionais que se poñen polas nubes no verán, e por iso cada vez máis xente contrata viaxes dun estilo semellante, sol e praia, pero milleiros de quilómetros máis lonxe. A explicación está na lei da oferta e da demanda: España, un país seguro e con moi bos servizos turísticos, recibe cada vez máis visitantes: en 2024 foron 93 millóns e espérase que cheguen a 98 millóns este ano. Así que os prezos soben e, nalgúns casos, iguálanse a viaxar ao estranxeiro.

"Hai, por exemplo, a opción de Cayo Santa María, en Cuba, dende 790 euros; ou Punta Cana, na República Dominicana, dende 990...  Isto comprende o voo, sete noites de hotel e réxime de todo incluído", mostra Ángeles Vázquez, de Nautalia Viajes.

"Voume directamente primeiro ao Caribe", responde Marta Galindo, de Viaxes Margali de Vigo, cando se lle pregunta cal pode ser a alternativa ás Baleares ou ás Canarias, "México, Cuba, República Dominicana... e logo toda a zona do Adriático, con voos directos dende Galicia a Grecia, Albania, Eslovenia..."

Pero no sector son prudentes. O aumento do turismo en España ten aspectos positivos, claro está, pero alertan do risco do que pode pasar se non se toman medidas para controlalo.

"Que veña moita xente de xeito desordenado, que o turista non sexa ben recibido por non facer ben as cousas", advirte Marta Galindo, que é tamén vogal da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.

De momento, o turismo en España segue medrando. Só no primeiro trimestre de 2025 chegaron dezasete millóns de visitantes. É un 5 por cento máis ca no mesmo período do ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade