A partir deste sábado quedan prohibidas as chamadas comerciais desde teléfonos móbiles
Tamén se bloquearán as emitidas desde o estranxeiro
Desde a OCU instan as administracións a sancionar as empresas que non cumpren
Hai case dous anos que entraron en vigor as primeiras medidas para limitar o spam telefónico, pero, segundo unha enquisa que acaba de publicar a organización de consumidores, o 92 por cento dos usuarios segue a recibir chamadas comerciais e case un 40 % recibe aínda máis que hai un ano. "Continuamente, estou aburrido", "Ata as narices", comentan dúas persoas.
A metade das chamadas son de empresas enerxéticas, seguidas polas de telecomunicacións e seguros. Un acoso que obriga os usuarios a adoptaren distintas medidas: "Eu deixo que soe, ata que se cansen". "Xa non sabes se te están chamando de spam ou alguén a quen lle tes que coller, e acabas colgándolle a todo o mundo".
Desde a OCU animan os usuarios a reclamar na Axencia Española de Protección de Datos. Tamén instan a Administración a adoptar medidas máis contundentes.
"Algo que está recollido na lei desde o ano 23, pero non se aplica porque non hai medidas de control nin sancións por parte das administracións", di Enrique García, voceiro desta organización de defensa dos consumidores.
A partir do sábado, as chamadas comerciais non se poderán realizar desde números móbiles nin desde o estranxeiro, só con prefixos nacionais ou desde números 800 e 900.