Arrinca unha nova edición da Semana Verde de Galicia
A edición máis internacional acada o maior número de expositores dos últimos 18 anos
"Empezamos esta edición con récord de expositores, con 758. Tamén con récord de expositores internacionais, con 69. Había 20 anos que non tiñamos tantos", conta Ricardo José Durán Rodríguez, director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia
Dende que hai 47 anos se puña a andar este certame nunca conseguira unha presenza internacional coma nesta edición. A Semana Verde saca músculo e volve situarse como un referente dentro das feiras multisectoriais. Nesta edición destaca un amplo programa con máis de 200 actividades para todas as idades.
"Temos actividades de cans, de cabalos, de coches, de motos, de cetrería, de estética e beleza", continúa.
Diversidade tamén de sectores participantes exhibindo as súas propostas. O sector do turismo ten un peso importante. Busca promocionar Galicia, e faino a través da Bolsa de Contratación Turística que reúne 32 turoperadores de 10 países interesados en Galicia como destino vacacional.
"Veño buscando contactos para ofrecer Galicia no estranxeiro, queremos vender Galicia dunha forma diferente e queremos atraer un turismo de calidade, cremos que temos un produto espectacular", explica Luísa Ferreirós de Aroma de Galicia Turismo
Onde tamén se xeran moitas oportunidades de negocio é no Encontro Internacional de Compradores, onde dan a coñecer produtos alimentarios para darlles saída a mercados nacionais e internacionais.
"Aquí o máis importante é que baixo un mesmo paraugas póñente nun encontro e propóñenche a 24 ou 25 empresas que normalmente buscan produtos para importar nos seus países, é dicir para exportar dende aquí e podes poñer en común tanto os teus produtos, como a súas necesidades e facer transaccións xa case directas dende aquí", apunta Pablo Álvarez, responsable de vendas da Quesería La Antigua
As portas de Silleda tanto para profesionais coma para o público xeral estarán abertas ata o vindeiro domingo.