Ponteareas prepara as súas alfombras florais para asombrar o mundo
Os voluntarios levan semanas traballando arreo para deseñar e recoller o material vexetal
Tras limpar as flores, durante a tarde comezarán a preparar os bocexos e debuxos que rechearán de arte e cor
O domingo será o día grande da festa, coa celebración do Corpus e a exhibición dos orixinais mantos vexetais
Levan un mes traballando arreo porque esta fin de semana é o día grande das Alfombras florais de Ponteareas. Os voluntarios esgotan as horas para preparar os ornamentos vexetais coas que elaboran os mantos naturais para sorprender ao mundo.
"Onte pola noite empezamos por desfollar a hortensia e deixamos o caravel para a última hora porque é algo máis delicado", comenta Maite Isla, presidenta da asociación do Sáhara en Galicia e participante nas festas da vila.
Unha efeméride especial e máis este ano que contan coa axuda de asociacións de México, Canarias, Portugal e Almería.
"Por un proxecto de ámbito mundial de alfombras para o Xacobeo coñecemos Ponteareas. Levan anos invitándonos e este ano por fin puidemos vir, cunha delegación de corenta persoas", sinala Juan Manuel Gómez, da asociación Alfombritas Tijola de Almería.
Os alfombristas levan todo o ano ultimando os detalles das súas creacións nas que hai implicados unha trintena de asociacións. Tras recoller as flores e desfollalas, cara ao o serán comezaran a bosquexar os bocexos, que logo encherán de materia vexetal. Maña será o día grande coa celebración do Corpus.
"O proceso é o mellor, pero o resultado é moi especial, moi emocional", comenta unha participante que leva participando no proxecto tres anos.
Esta efeméride cumpre case douscentos anos de historia e está declarado Ben de Interese cultural.
"Por primeira vez imos ter trinta e seis tramos alfombrados e tamén asociacións: dezanove de Ponteareas, e invitadas como México, Almería, o irmanamento que temos coa Orotava e que agora imos ter con Monçao, en Portugal", incide o coordinador municipal do Corpus de Ponteareas, Jorge Talavera.
Sen esquecer unha nova proposta aproveitando á visita do Papa Leon XIV á península.
"Unha delegación nosa vai dirixir con voluntarios de Ponteareas que están por España adiante, que se van achegar a Madrid, e imos facer unha alfombra para o Papa de 250 metros de longo ao carón da Cibeles", desvela Jorge Talavera.
Se a choiva non o impide, Ponteareas revivirá a súa festa anual coa natureza, a arte e a paixón.