Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os viticultores da Ribeira Sacra loitan contra un fungo persistente

Os viticultores da Ribeira Sacra loitan contra un fungo persistente

O dano nas zonas afectadas é porcentualmente alto, aínda que se trata de casos localizados

Detectouse a presenza de mildio en parcelas de Amandi, Quiroga ou Montefurado

Antonio Lombardía, presidente do consello regulador: "É bastante persistente e difícil de controlar cos produtos existentes"

G24.gal 17/06/2025 11:08

A calor e a humidade do ambiente deron lugar ás condicións propicias para a aparición e resistencia do temido mildio, un fungo que afecta parcelas localizadas dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e que está a provocar perdas notables na colleita deste ano naquelas zonas en que se detectou a súa presenza.

O presidente do consello regulador, Antonio Lombardía, recoñeceu que os viticultores están a loitar para evitar que esta praga se propague. “Hai zonas con certa afectación de mildio, bastante persistente e difícil de controlar cos produtos existentes”, precisou.

Lombardía recoñeceu que “nas zonas en que entra é bastante difícil de parar. Son zonas localizadas, pero fai bastante dano porcentualmente á viña”, sinalou.

De momento, o Consello Regulador ten constancia da presenza do fungo en parcelas de Amandi, Quiroga ou Montefurado, pero non descarta que haxa afectación noutras zonas.

Lombardía tamén confirmou que xa “afecta o acio”, o que implica unha diminución na produción. “Hai viñas bastante afectadas, con porcentaxes bastante altos, próximos ao 100 %”, precisa, aínda que insiste en que, polo menos de momento, o problema detectouse en zonas “localizadas”.

Iso si, recoñece que haberá que manter “a vixilancia” para aplicar os tratamentos necesarios da forma máis rápida posible naqueles lugares onde aparezan gromos do fungo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade