Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína e os seus socios europeos esíxenlle a Rusia unha tregua de 30 días

Ucraína e os seus socios europeos esíxenlle a Rusia unha tregua de 30 días

A Unión Europea advirte a Rusia de posibles novas sancións se non respecta o alto ao fogo proposto

Zelenski, Macron, Merz, Starmer e Tusk falan con Trump desde Kíiv onde se reúne a coalición de voluntarios

Os ministros de Exteriores de 37 países apoian a creación dun tribunal que xulgue a invasión rusa de Ucraína

Zelenski e os líderes da UE falan con Trump. FOTO: Goberno de Ucraína vía REUTERS
G24.gal 10/05/2025 08:44 Última actualización 10/05/2025 19:28

A Unión Europea apoia a proposta de cesamento do fogo incondicional de 30 días entre Rusia e Ucraína para empezar as negociacións de paz e advirte de posibles novas sancións se Moscova non respecta a tregua.

"Apoio plenamente a proposta dun cesamento do fogo incondicional de 30 días. Permitir así o inicio do proceso de negociacións de paz. A pelota está agora no tellado de Rusia e debemos mantela alí", dixo nunha declaración a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

A xefa do executivo comunitario, que participou por videoconferencia na reunión da chamada coalición de voluntarios que se celebra este sábado en Kíiv, considera necesario "aumentar a presión sobre Rusia".

Neste sentido, anunciou a coordinación, xunto cos Estados Unidos e o G7, de "novas severas sancións" se "non respecta o cesamento do fogo incondicional".

Na mesma liña se pronunciou o presidente do Consello Europeo, Antonio Costa, que se referiu ao "firme apoio" da chamada "coalición de voluntarios" á proposta de alto o fogo "que podería achandar o camiño cara a unhas importantes conversas de paz".

"O noso compromiso de apoiar a Ucraína mantense firme e seguiremos utilizando os instrumentos da UE para futuras garantías militares e de seguridade", avisou Costa ao respecto da imposición de posibles sancións adicionais.

O político portugués explicou que a reunión en Kíiv da "coalición de voluntarios" non é "para reflexionar sobre o pasado, senón para traballar por unha paz xusta e duradeira no presente".

Importacións de enerxía rusa

Pola súa banda, Von der Leyen subliñou na súa declaración a necesidade de "poñer fin a todas as importacións de enerxía rusa" e considerou que en particular "a era dos combustibles fósiles rusos en Europa debe chegar á súa fin".

Lembrou que mentres ao comezo da guerra, a UE gastaba 12.000 millóns de euros ao mes en combustibles fósiles rusos, hoxe a cifra é de 1.800 millóns de euros ao mes.

Ademais, dixo que os vinte e sete prohibirán todas as importacións restantes de gas ruso, tanto por gasoduto como por GNL, como moi tarde a finais de 2027 e considerou que tamén é "hora de sancionar os consorcios Nord Stream II".

Respecto ao apoio militar a longo prazo ás forzas armadas ucraínas, asegurou que a mellor garantía de seguridade que pode ofrecer a UE "é seguir integrando a industria de defensa ucraína coa europea".

 

Os líderes europeos á súa chegada a Kíiv. LUDOVIC MARIN/Pool vía REUTERS Os líderes europeos á súa chegada a Kíiv. LUDOVIC MARIN/Pool vía REUTERS

Chamada a Trump

Tras a xuntanza, o presidente ucraíno e os líderes europeos mantiveron unha chamada telefónica dende Kíiv co presidente dos EUA, Donald Trump, na que volveron falar da necesidade de que Rusia acepte a tregua.

"Despois da reunión da coalición de voluntarios en Kíiv, os cinco líderes tiveron unha conversa frutífera co presidente dos EUA centrada nos esforzos de paz", dixo na súa conta de X o ministro de Exteriores ucraíno, André Sibiga.

O ministro ucraíno agregou que o seu país e "todos os seus aliados están listos para un cesamento do fogo completo incondicional por terra, mar e aire que dure polo menos 30 días a partir do luns".

"Se Rusia está de acordo e se garante unha verificación efectiva, un cesamento do fogo duradeiro e medidas para crear confianza poden achandar o camiño ás negociacións", dixo Sibiga.

Coalición de voluntarios

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, viaxou esta fin de semana a Kíiv cos primeiros ministros do Reino Unido e Polonia, Keir Starmer e Donald Tusk, e co novo chanceler alemán, Friedrich Merz, para premer o presidente ruso, Vladímir Putin, para que declare a tregua.

Merz ameazou cun "drástico aumento das sancións" se Putin non acepta dar ese paso. O chanceler alemán explicou que os principais aliados europeos de Ucraína actúan en coordinación con Trump.

O Kremlin xa respondeu á posibilidade desas novas sancións europeas que, asegura, non afectarán á súa posición.

"Afixémonos ás sancións", declarou o seu portavoz, Dmitri Peskov.

Moscova pide que se deixen de enviar armas a Ucraína como condición para declararen o cesamento do fogo dun mes que lle esixen Kíiv e os países occidentais.

Garantías de seguridade

Os líderes europeos reuníronse con Volodímir Zelenski para abordas as posibles garantías de seguridade que poida recibir Ucraína unha vez se asine a paz.

O Reino Unido, Alemaña, Polonia e Francia forman parte da chamada coalición de voluntarios, integrada polos países que traballan na posible creación dun continxente militar de paz que se despregue en Ucraína ao termo desta guerra para disuadir a Rusia de lanzar unha nova invasión no futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade