Donohoe repite como presidente do Eurogrupo logo da retirada de Cuerpo por falta de apoios
"Nun exercicio de responsabilidade, o ministro decidiu dar un paso á beira para favorecer unha elección baseada no consenso", según o Ministerio de Economía
Cuerpo di que non se arrepinte de presentar a súa candidatura, a pesar de retirarse por falta do apoio, xa que lle permitiu constatar que hai respaldo para dar un impulso a este foro
O socialista lituano Sadzius retirou tamén a súa candidatura
Os ministros de Economía e Finanzas da eurozona (o Eurogrupo) elixiron este luns ao titular de Finanzas irlandés, o consercador Paschal Donohoe, como presidente deste foro para o que será o seu terceiro mandato á fronte de mesmo.
Donohoe tiña o camiño despexado para repetir no cargo, que ocupa desde xullo de 2020, despois de que o ministro de Economía, Comercio e Empresa español, Carlos Cuerpo, e o ministro de Finanzas lituano, Rimantas Sadzius, retirasen as súas candidaturas antes do encontro no que debía celebrarse a votación.
"Fronte a importantes retos xeopolíticos, a eurozona demostrou ser moi resiliente. A miña tarefa será reforzar aínda máis nosa área monetaria común e facilitar progresos tanxibles nas nosas liñas de traballo clave no próximo mandato, desde a coordinación orzamentaria ata a unión de mercados de capitais, desde o euro dixital á unión bancaria", dixo Donohoe nun comunicado.
Carlos Cuerpo non logrou apoios
O ministro español de Economía, Comercio e Empresa Carlos Cuerpo anunciara pouco antes a retirada da súa candidatura á presidencia do Eurogrupo tras constatar que o apoio que recibiu non alcanza a maioría necesaria para garantir o éxito da candidatura.
"Por tanto, nun exercicio de responsabilidade, o ministro decidiu dar un paso á beira para favorecer unha elección baseada no consenso", informaron fontes oficiais do Ministerio de Economía.

Cuerpo dixo que non se arrepinte de presentar a súa candidatura para presidir o Eurogrupo, a pesar de retirarse por falta do apoio necesario, debido a que lle permitiu constatar que hai respaldo para dar un impulso a este foro.
"Non era unha carreira fácil para a presidencia do Eurogrupo, pero conseguimos (...) numerosos apoios e eu creo que isto é sen dúbida algo moi positivo porque viñeron dunha vontade xenuína de darlle ese cambio, ese impulso adicional ao Eurogrupo", dixo á súa chegada á reunión de ministros de Economía e Finanzas da eurozona.
Para facerse co cargo, que inicialmente lle disputaba ao actual presidente do Eurogrupo, o irlandés Paschal Donohoe, e ao ministro de Finanzas lituano, Rimantas Sadzius, Cuerpo necesitaba o apoio de once dos vinte países do euro.
Desde o ministerio de Economía explicaron que tras "días intensos solicitando numerosos apoios" entre os ministros do Eurogrupo e tras os contactos nas últimas horas, constatouse que o apoio ao ministro español non alcanza a maioría necesaria.
"No contexto actual, de grandes retos para a zona euro, é necesario promover a unidade e evitar a fragmentación no seo do Eurogrupo, órgano clave para a toma de decisións económicas na unión", indicaron,
As mesmas fontes engadiron que por iso Cuerpo decidiu dar un paso á beira para permitir o consenso.
O ministro español agradeceu aos seus homólogos un apoio que "foi transversal máis aló de afinidades políticas, ideolóxicas e xeográficas" e destacou que o proceso de elección foi "positivo" e transmitiu unha mensaxe xeneralizada acerca da necesidade de reforzar o impacto e eficacia do Eurogrupo, segundo as citadas fontes.
A retirada de Cuerpo e o socialista lituano Sadzius despexou o camiño para o conservador irlandés Donohe
Á retirada de Cuerpo sumouse pouco despois a do tamén socialista Rimantas Sadzius, de Lituania. Unha situación que despexou o camiño para que o conservador irlandés Paschal Donohoe renovase o cargo para o que será o seu terceiro mandato.
"Retirei a miña candidatura en nome do consenso, así que creo que xa saben o nome do gañador", dixo o ministro lituano en declaracións á prensa á súa chegada ao encontro.
O elixido este luns presidirá o Eurogrupo por un período de dous anos e medio renovable a partir do 13 de xullo.