Publicador de contidos

Publicador de contidos

España, cada vez máis dependente do IRPF, por Santiago Calvo

OPINIÓN

España, cada vez máis dependente do IRPF, por Santiago Calvo

Declaración da renda (Europapress Arquivo)
Santiago Calvo 15/09/2025 07:56

Segundo datos da OCDE, España converteuse na gran economía da Unión Europea que máis aumentou a súa dependencia do IRPF e das cotizacións sociais neste século. Mentres outros países optaron por deflactar, é dicir, axustar as tarifas á inflación para non castigar o poder adquisitivo das familias, aquí seguimos cun sistema que fai que cada subida de soldo quede atrapada nun imposto máis alto. É o que os expertos chaman “progresividade en frío”: pagamos máis, sen gañar máis en realidade.

Entre o ano 2000 e o 2022, a parte dos ingresos do Estado que vén do IRPF e das cotizacións á Seguridade Social medrou sete puntos en España. Iso supón que mentres Francia, Alemaña ou Bélxica reducían a súa dependencia destes tributos, nós imos na dirección contraria. Só Luxemburgo e Portugal incrementaron máis ca nós a carga nestas dúas figuras.

Os datos son claros: no ano 2000, máis da metade da recadación, un 54 %, viña de IRPF e cotizacións. En 2022 xa era o 58 %. E a cifra segue subindo. Só entre xaneiro e maio deste ano, a recadación do IRPF medrou máis dun 11 %, superando os 53.000 millóns de euros.

Pero que significa isto para nós, os contribuíntes? Pois que cada nómina que cobra un traballador galego ou español leva unha parte crecente destinada a soster a maquinaria do Estado. Non só co imposto da renda, tamén coas cotizacións, que xa representan o 34 % de todos os ingresos públicos. É un dato que reflicte o récord de afiliados á Seguridade Social, si, pero tamén un risco: se o emprego se resente, a recadación pode caer en picado.

Mentres tanto, outros países aproveitaron o último ano para baixar impostos á propiedade ou aliviar a carga fiscal das familias, buscando máis equidade e un acceso máis doado á vivenda. En España, pola contra, os prezos da vivenda baten marcas e o debate político céntrase en se hai que subir aínda máis os impostos a segundas residencias e pisos turísticos.

A pregunta que queda no aire é sinxela: ata que punto é sostible depender cada vez máis da renda e das cotizacións sociais, cando as necesidades de gasto público non deixan de medrar?

Claves económicas da semana do 15 ao 19 de setembro

Esta semana hai que prestar atención a varios frontes económicos. En Europa, os ministros de Economía e Finanzas reúnense de maneira informal en Copenhague o 19 e 20 de setembro. Non se esperan decisións concretas, pero si debates de fondo sobre a inflación, a débeda e a coordinación das políticas fiscais.

Tamén o día 19 coñeceremos en España os datos oficiais da contabilidade nacional de 2024, cun crecemento que Bruxelas estima arredor do 3,2 por cento. Será unha proba clave para comprobar se a recuperación mantén forza ou se comeza a notarse a desaceleración.

E, mentres tanto, Madrid converterase en escenario da diplomacia económica global: o secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, reúnese co viceprimeiro ministro chinés para tratar de desactivar a guerra comercial entre ambas potencias. O que se acorde pode ter efectos directos en aranceis, investimentos e cadeas de subministro que tamén chegan a España.

En definitiva, unha semana na que o país mira aos seus propios números, pero coa orella posta nun pulso internacional que marcará a economía dos próximos meses.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade