Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda pide eleccións e advírtelle á oposición: "Forman parte da orquestra do Titanic e afundiranse"

Rueda pide eleccións e advírtelle á oposición: "Forman parte da orquestra do Titanic e afundiranse"

Besteiro alerta das consecuencias da axenda oculta do PP: "Entre o que non fixo e o que promete facer dá vostede medo como presidente"

Pontón denuncia a deriva antidemocrática da Xunta e pídelle que deixe de facer adoutrinamento nas escolas

O presidente di que Galicia estaría mellor sen o lastre do Goberno e anuncia a posta en marcha dunha oficina para protexer os docentes de situacións de acoso dixital

O presidente da Xunta Alfonso Rueda, respondendo as preguntas da oposición durante o pleno do Parlamento de Galicia (EFE / Lavandeira jr)
G24.gal 09/07/2025 09:24

O presidente da Xunta Alfonso Rueda volveu pedir este mércores a convocatoria de eleccións xerais para que os españois poidan tomar posición tras os últimos escándalos do Goberno e reprochoulle á oposición que siga dándolle apoio ao executivo.

Foi na última sesión de control no Parlamento antes da parada estival, que se converteuse nun cruzamento de reproches entre o PP e o PSOE en clave estatal.

Rueda presumiu dun curso político no que se demostrou que Galicia funciona, asegurou que a nosa comunidade autónoma estaría moito mellor se puidese soltar o lastre que supón agora o Goberno e pediu que se convoquen eleccións xerais para que o pobo español fale nas urnas. 

Galicia funciona e así o di a xente cada vez que hai eleccións, por iso os españois deberían ter dereito a dicir a súa opinión, agora que, se o dixesen, xa sabemos o que pasaría”.

Besteiro: "Entre o que non fixo e o que promete facer dá vostede verdadeiro medo como presidente"

Foi a resposta do mandatario autonómico á intervención do líder de PSdeG José Ramón Gómez Besteiro, que reprochou a posición da Xunta en materia de industria, vivenda, políticas sociais, de migración ou no referente ao idioma.

Besteiro asegura que a súa obriga é desvelar a axenda oculta do PP en España e en Galicia, en referencia ao relatorio que o Partido Popular aprobou esta fin de semana no Congreso celebrado en Madrid. E engade: "Entre o que non fixo e o que promete facer, dá vostede verdadeiro medo como presidente".

Pontón: "Pídolle que retire as ordes de censura no sistema educativo e nos centros sanitarios"

Na sesión, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón alertou da deriva autoritaria e antidemocrática da Xunta e denuncia que o Gobertno galego está tentando impoñer un adoutrinamento nas escolas e nos centros sanitarios.

"Intenta impedir que se colgue nun colexio unha bandeira palestina ou prohibe colocar nos centros sanitarios pancartas en defensa da sanidade pública. Iso é adoutrinamento", afirma.

Pontón asegura que o PP está aplicando un control ideolóxico a quen pensa diferente e pediulle que retire as ordes de censura no sistema educativo e nos centros sanitarios.

Na súa intervención, o presidente da Xunta negou que o seu Goberno estea realizando adoutrinamento nas escolas, pero asegura que á escola os alumnos van a aprender e os docentes a ensinar. E recalca: "Os alumnos non son soldadiños do nacionalismo".

Alfonso Rueda afea ao BNG que siga dando apoio ao Goberno malia os últimos escándalos e advírtelles: "Están formando parte da orquestra do Titanic e afundiranse".

O presidente aproveitou a sesión para anunciar a posta en marcha dunha oficina específica de atención ao docente para protexelo ante situacións de acoso dixital.

Foi a última sesión de control ao presidente da Xunta antes da parada estival.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade