Mellorar o ensino a partir das experiencias no programa de intercambios Erasmus+
Un encontro de docentes en Compostela debate sobre como mellorar o ensino tras participar nos intercambios Erasmus
A xornada pretende fomentar a internacionalización educativa nos centros non universitarios
O intercambio de alumnos e docentes con centros doutros países mellora a calidade da docencia e os resultados
A formación do profesorado é fundamental para garantir a calidade do ensino, e debater sobre os proxectos educativos que sen fan noutros países é básico para responder aos retos de futuro. Por iso, O centro autonómico de Formación e Innovación de Compostela acollía esta mañá o Encontro Internacional Erasmus+.
"Temos que avanzar na internacionalización dos centros, buscar novas vías de aprendizaxe. Sen dúbida, o programa Erasmus + é unha aposta que tamén o galego fai para abrir a nivel internacional o noso ensino e mellorar a calidade", asegura Román Rodríguez, conselleiro de Educación, que asistiu ao acto de inauguración.
Máis de cincuenta docentes acudiron a estas xornadas nas que se analizan as innovacións educativas no marco do proxecto Erasmus, e que supoñen en moitos casos a visita de profesores non universitarios e alumnos a outros centros educativos no estranxeiro. E o caso dos coordinadores dun centro de Arzúa, que levan varios anos traballando neste tipo de proxectos.
"Hai un antes e un despois das mobilidades. O lema Erasmus é: abrindo mentes, cambiando vidas, e é tal cal", afirma Teresa Santamarina, coordinadora Erasmus+ do instituto de ensino secundario de Arzúa.
"O que permite este proxecto é que o alumnado saia do seu espazo de confort, que é sempre positivo, e que abra a súa mente a novas realidade e novas culturas", sinala Xurxo Feijoo, que tamén é coordinador do programa Erasmus+ no I.E.S. de Arzúa.
A internacionalización do ensino non só supón avanzar no coñecemento doutras linguas e culturas, senón tamén en materias como tecnoloxía, igualdade de xénero ou inclusión. Precisamente a inclusión é o núcleo dun proxecto educativo realizado dende Galicia para o resto do mundo.
"Traballamos tres colectivos no proxecto: o persoal asesor, o persoal inspector e os docentes. Podemos falar de inclusión porque o proxecto xira arredor da inclusión, dende os tres puntos de vista destes tres grupos, que é algo que non se adoita traballar", relata Alicia Eizaguirre, asesora de formación e internacionalización no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago de Compostela.
Segundo datos da Consellería de Educación, os alumnos galegos son líderes en competencias en Inglés e salientan en tolerancia e respecto cara a outras culturas.