A Xunta avoga por repartir o segundo ciclo de Medicina entre A Coruña, Santiago e Vigo
O conselleiro de Educación indicou que falta por concretar a porcentaxe exacta de docencia que asumirá cada unha das tres universidades en canto ao número de alumnos, nunca menos do 15 %
O conselleiro de Sanidade remarcou que a intención da Xunta é dispoñer "dunha facultade de Medicina forte" e dotada cos "mellores" recursos humanos e estruturais
Este veres reuniuse o grupo de traballo para a descentralización dos estudos de Medicina
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o titular autonómico de Universidades, Román Rodríguez, defenderon este venres un plan para descentralizar os estudos de Medicina en Galicia que pasa por repartir todo o segundo ciclo deste grao entre as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
"Apostamos pola descentralización de todo o segundo ciclo", explicou Rodríguez en conferencia de prensa, onde detallou que, segundo esta proposta, as tres universidades galegas repartiríanse, nunha proporción aínda por detallar, os alumnos de cuarto, quinto e sexto de Medicina. E mantendo unha única facultade, a de Santiago.
Así mesmo, o responsable galego de Educación indicou que falta por concretar a porcentaxe exacta de docencia que asumirá cada centro en canto a número de alumnos, aínda que deslizou que a descentralización será "en todo caso" superior ao quince por cento pactado en 2015.
"Terá que ser superior e terán que pactalo as propias universidades", afirmou o conselleiro sobre a porcentaxe que corresponderá a unidades docentes con profesores e profesionais sanitarios dos centros das cidades da Coruña e Vigo.
Estes son os dous principais puntos defendidos pola Xunta tras a terceira reunión do grupo de traballo creado para avanzar na descentralización destes estudos tras a polémica xurdida pola decisión da Universidade da Coruña (UDC) de crear un título propio de Medicina.
A este respecto, considerou que "sería moi raro e moi difícil explicar" que a institución coruñesa non se sumase a unha proposta consensuada que permite "participar e integrarse" aos seus profesionais sanitarios e docentes nun grao común ás tres universidades.
"Fóra deste marco estariamos nun rumbo sen moito sentido", opinou, antes de expresar que as formulacións defendidas pola Xunta representan "un sentir moi maioritario" dentro destes grupos de traballo e pediu "xenerosidade" e "altura de miras" a todos os integrantes dos mesmos.
"Todas as partes teremos que ceder algo para buscar a mellor postura para Galicia", sostivo o conselleiro.
O conselleiro de Universidades tamén chamou a acordar no marco deste grupo calendario un "realista" que posibilite dar "pasos firmes" e "transparentes" cara a esta descentralización nun futuro próximo, pero non comprometeu horizontes temporais concretos.
O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño agradeceu o "espírito de colaboración" mostrado polos participantes neste grupo de traballo e remarcou que a intención da Xunta é dispoñer de "unha facultade de Medicina forte" e dotada cos "mellores" recursos humanos e estruturais.