Morre o extraballador da TVG Andrés Ríos aos 67 anos
Foi director de El Ideal Gallego e DxT Campeón

O xornalista Andrés Ríos faleceu este venres 12 de setembro aos 67 anos.
Ríos foi traballador da TVG, Radio Cadena Española e Radio 80. Durante a súa longa traxectoria profesional, chegou a dirixir El Ideal Gallego e DxT Campeón, ademais de ser director de Relacións Institucionais de Editorial La Capital.
Ríos xubilárase hai menos dun ano.
A súa morte causou unha fonda tristeza entre os compañeiros de profesión. A Asociación de Prensa da Coruña sumouse ás numerosas condolencias que se publicaron en redes sociais.
A alcaldesa Inés Rey amosou tamén o seu pesar e recoñeceu a "profesionalidade e xenerosidade" do xornalista coruñés.
Compromiso humano e profesional
Ademais da súa traxectoria profesional, Ríos destacou polo seu compromiso humano. Foi condecorado coa Medalla ao Mérito de Protección Civil no Concello da Coruña tras salvar a vida dunha muller que afogaba nunha praia, e formou parte da Real Orde de Cabaleiros de María Pita.
Amante do mar, colaboraba habitualmente como voluntario de Cruz Vermella.