Publicador de contidos

Publicador de contidos

Francia propón prohibir o acceso dos menores ás redes sociais para evitar acoso e "contidos lixo"

Francia propón prohibir o acceso dos menores ás redes sociais para evitar acoso e "contidos lixo"

Suxiren dúas medidas: que os menores de 15 anos non usen redes e que os menores de 18 non o fagan polas noites

Os profesionais din que a presión social e industrial fai sentir fóra do grupo os nenos sen teléfono

En Galicia, 577 familias xa se uniron ao pacto para atrasar a entrega de dispositivos electrónicos

G24.gal 12/09/2025 14:45

A rede atrapa tamén os peixes máis pequenos. Os profesionais que traballan coa rapazada e os estudos máis recentes coinciden: os menores de idade están pagando caro o abuso das pantallas.

Nos centros escolares detectan casos de cativos con falta de sono por botar moito tempo cos dispositivos electrónicos, rapaces que consomen noticias falsas sen control ou situacións de acoso a través das redes ou os servizos de mensaxería.

"Estamos vendo que a calquera neno que vexa cousas en Internet lle aparecen enlaces constantemente e pica neles e vai a contidos que non son axeitados para a súa idade. Os últimos estudos falan de que os nenos teñen acceso a materiais para adultos con oito ou nove anos", alerta José Luis Modrego, orientador do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo.

Francia é o primeiro país europeo en dar un paso á fronte. Unha comisión do Parlamento estivo analizando o problema durante meses e acaba de presentar as súas conclusións. Propoñen establecer dúas prohibicións: a primeira, que os menores de quince anos non poidan acceder ás redes sociais; a segunda, que os menores de dezaoito non o poidan facer polas noites, que exista un toque de recollida de 22:00 h a 8:00 h. 

"É obriga do Estado proxeter a infancia", sentencia a deputada Laure Miller, unha das coordinadoras da proposta.

"Ten que haber unha lei. Como hai unha que limita conducir aos 18 ou como hai para o consumo de alcol ou tabaco", asegura a portavoz en Galicia de Adolescencia Libre de Móbiles, o movemento de familias que se uniron para limitar o acceso da rapazada ás novas tecnoloxías.

"A presión das compañías para que os cativos teñan móbil cada vez antes é enorme", afirma o orientador do CEIP Lope de Vega. "Actualmente os nenos que non teñen móbil senten, dalgún xeito, que non pertencen ao grupo".

Foi ante esa presión polo que naceu o Pacto das Familias. É un movemento a nivel de todo Estado en que familias e asociacións de nais e pais de centros escolares se poñen de acordo para atrasar a entrega de teléfonos intelixentes aos nenos. Mellor, din, canto máis tarde os utilicen. En España son máis de once mil; en Galicia, xa 577.

"Ti non estás só con esta decisión. Cando o teu rapaz diga que quere un móbil, dislle que non, que hai moitas máis persoas ca ti sen el", explica a portavoz do movemento en Galicia, Tania Martínez.

Unha das propostas de Adolescencia Libre de Móbiles é que os menores usen móbiles sinxelos, sen Internet. Se é necesario que estean localizados poden levar un teléfono básico. Estarán conectados coa familia, pero fóra do alcance da Rede.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade