Bruxelas multa a X con 120 millóns por enganar os seus usuarios coa marca azul de verificación
É a primeira vez que a Comisión Europea multa unha plataforma por violar a lei de servizos dixitais comunitaria
Continúa aberta unha investigación máis ampla vencellada á difusión de contidos ilegais e á manipulación da información
Reuters
A Comisión Europea (CE) multou este venres a rede social X con 120 millóns de euros por incumprir as súas obrigacións de transparencia de acordo á lei de servizos dixitais comunitaria (DSA, pola súas siglas en inglés), na que é a súa primeira decisión contra unha plataforma por violar esa lexislación.
As infraccións da empresa de Elon Musk, explicou a CE nun comunicado, inclúen o “deseño enganoso” da súa marca de verificación azul, a falta de transparencia do seu repositorio publicitario e a falta de acceso aos datos públicos para os investigadores.
En detalle, a CE impuxo unha multa de 45 millóns de euros pola infracción por mor da marca de verificación azul, de 35 millóns polo repositorio de anuncios e de 40 millóns en relación co acceso aos datos por parte dos investigadores.
O 18 de decembro de 2023, a Comisión abriu un procedemento formal para avaliar se X podería infrinxir a DSA en ámbitos relacionados coa difusión de contidos ilegais e a eficacia das medidas adoptadas para combater a manipulación da información, unha investigación que continúa.
Este procedemento abarcaba tamén o uso dun deseño enganoso, a falta de transparencia publicitaria e o acceso insuficiente aos datos por parte dos investigadores.
Sobre estes asuntos a CE adoptou conclusións preliminares o 12 de xullo de 2024 e unha decisión de incumprimento.
Fontes comunitarias explicaron que, para calcular o montante da sanción, teñen en conta de sexa proporcional á infracción e que non poida superar o 6 % do volume de negocios anual global, tal e como está recollido na DSA, de maneira que aclararon que a multa non se fixa como unha porcentaxe deses ingresos.
Preguntadas por se non consideraban o montante pouco disuasorio, as fontes comunitarias afirmaron que “120 millóns custa máis que simplemente cumprir coa normativa”.
“Isto tamén é un elemento disuasorio. Se se cumpre coa normativa, non hai que pagar, e ese é o obxectivo da Comisión”, puntualizaron, e agregaron que cren que a sanción tamén disuadirá outras empresas reguladas pola DSA.
A Comisión deixou claro que respectou “con gran dilixencia e escrupulosidade” todos os dereitos de defensa das partes, razón pola cal dedicou “un tempo considerable a facilitar ás partes o acceso aos documentos”.