Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE manterá o debate sobre o acordo con Israel ao non haber apoio para a súa suspensión, como pedía España

A UE manterá o debate sobre o acordo con Israel ao non haber apoio para a súa suspensión, como pedía España

Para a suspensión completa do acordo é necesaria a unanimidade dos Vinte e sete, mentres que para suspender as vantaxes comerciais se precisan15 países que representen o 65 % da poboación da UE

Edificios danados polos bombardeos israelís no Líbano. REUTERS/Zohra Bensemra Edificios danados polos bombardeos israelís no Líbano. REUTERS/Zohra Bensemra
G24.gal 21/04/2026 18:52

A alta representante da Unión Europea (UE) para Asuntos Exteriores e Seguridade, Kaja Kallas, manterá aberto o debate sobre a petición de España e outros estados membros de suspender total ou parcialmente o acordo de asociación con Israel por violacións dos dereitos humanos, ao constatar que non hai apoios suficientes para iso.

"Dado que a suspensión do acordo de asociación require o voto por unanimidade, non houbo o apoio necesario na sala, e as medidas que xa temos sobre a mesa e que requiren maioría cualificada esixirán que os estados cambien a súa postura. Hoxe non o vimos, pero estes debates continuarán", indicou Kallas nunha conferencia de prensa ao termo dun Consello de Ministros comunitarios de Exteriores.

Kallas explicou que durante a reunión houbo propostas para a suspensión total -por parte explícita de España, Irlanda e Eslovenia- ou parcial -restrinxir as concesións comerciais- do acordo de asociación UE-Israel.

Ao mesmo tempo, houbo suxestións de restrinxir o comercio procedente dos asentamentos israelís en Cisxordania, dixo.

En todo caso, a exprimeira ministra estoniana deixou claro que houbo estados membros que "expresaron a súa oposición a tales propostas".

No caso da suspensión completa do acordo, é necesaria a unanimidade dos Vinte e sete, mentres que para suspender unicamente as vantaxes comerciais que contempla abonda cunha maioría cualificada (polo menos 15 países que representen o 65 % da poboación da UE).

Non obstante, Kallas dixo que non apreciou ningún "cambio de postura na sala respecto á suspensión do acordo", só "novas propostas sobre a mesa".

Nese sentido, indicou que transmitirá ao comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, as propostas sobre o comercio con Israel, porque "se nos fixamos nas disposicións legais, necesitamos que haxa unha proposta da Comisión sobre a mesa".

Preguntada por unhas declaracións ao inicio do consello do ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, sobre o risco de que a UE perda credibilidade se non reacciona ao comportamento de Israel, Kallas deixou claro que o que percibe "ao viaxar por todo o mundo é xusto o contrario".

"Vexo que a nosa credibilidade está, por así dicilo, aumentando en realidade en todos os ámbitos, porque vemos o que está a suceder no mundo, e sabemos que a Unión Europea é un socio crible e fiable", afirmou.

Destacou o apoio que a UE está a dar aos palestinos e asegurou que "cada vez que alguén formula esta cuestión da dobre moral, eu tamén pregunto de antemán que están facendo eles por Gaza e os palestinos, e normalmente a acción da Unión Europea sempre o supera".

"Non temos un acordo total sobre todas estas cuestións. Pero, a suspensión do acordo de asociación deterá a expansión en Cisxordania? Isto probablemente tampouco sexa certo (…) As propostas están aí, pero non temos un acordo. Así que centrémonos naquelas cuestións en que realmente si temos un acordo", comentou Kallas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade