Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alcoa recibe 40 millóns do PERTE de descarbonización para a factoría de San Cibrao

Alcoa recibe 40 millóns do PERTE de descarbonización para a factoría de San Cibrao

 O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este luns que se adxudicaron 518 millóns destinados a 18 proxectos

G24.gal 27/04/2026 17:12

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este luns que se adxudicaron 518 millóns na segunda convocatoria do proxecto estratéxico (PERTE) para a descarbonización industrial, destinados a 18 proxectos do sector cementeiro, químico, do aluminio e do papel, entre outros.

Son 18 proxectos os incluídos e contribúen a electrificar procesos industriais, incorporar hidróxeno verde, optimizar a xestión enerxética e despregar outras tecnoloxías limpas.

Destacan 341 millóns de euros que recibe o sector cementeiro e que serán destinados a proxectos de captura de CO₂ para o seu almacenamento xeolóxico permanente.

En concreto, fontes do Goberno detallaron que dese importe total, hai partidas de 172 millóns para a empresa Cemex, de 128 para Votorantim Cementos España e de 41,8 millóns para Cementos Molins.

No ámbito do aluminio destacan 40 millóns adxudicados a Alcoa e no do papel, 31,8 millóns para Unión Industrial Papelera e que permitirán poñer en marcha o seu plan de descarbonización da fábrica de papel reciclado na Pobla de Claramunt, Barcelona.

A eles súmanse outros 30 millóns destinados á compañía química Evonik para as súas actuacións de descarbonización para a produción de peróxido de hidróxeno na súa planta da Zaida, en Zaragoza.

Sánchez anunciou estas adxudicacións durante a inauguración do 'II Invest in Spain Summit', un foro de investimento que reúne a 75 compañías de 25 países, Sánchez destacou que España é un "refuxio seguro en medio da actual desorde mundial" e un país estable, con multitude de oportunidades no ámbito da transición verde e dixital.

"O noso compromiso coa transición ecolóxica e a descarbonización da nosa economía é firme", resaltou o presidente, tras confirmar os máis de 500 millóns de fondos europeos adxudicados no marco do PERTE da descarbonización.

O anunciado este luns polo presidente responde á segunda convocatoria da Liña 1 do PERTE de descarbonización industrial, que xestiona o Ministerio de Industria e Turismo a través de Sepides, cuxa convocatoria anunciou tamén Sánchez durante a clausura do Congreso Nacional de Industria celebrado en Bilbao este mesmo febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade