Os veciños de Vilapol conviven cos pos de Alcoa
Os veciños máis próximos á balsa de lodos que Alcoa ten en Xove piden solucións á empresa, xa que teñen medo polos posibles danos que poida provocar o po vermello que leva no ambiente desde hai un mes
Os veciños de Vilapol, localidade da parroquia de Portocelo, en Xove, levan preto dun mes convivindo con po vermello en suspensión que, segundo eles, vén da balsa de lodos que a empresa Alcoa ten a escasos metros das súas casas
"Empezou a vir o vento e púxose todo vermello. Non podemos abrir portas nin ventás porque a roupa ponse vermella. Seguimos na mesma", explicaba unha das veciñas.
Xa recolleron firmas e agardan os resultados dos mostras que tomou o Seprona nos últimos días. A empresa tomou medidas como ampliar o rego dos lodos cun camión cedido polo Concello de Cervo, pero para os veciños non é suficiente. O que teñen claro é que non poden seguir así.
"Toda a tarde picábanme os labios, chegaba a noite con problemas na gorxa, non pasaba nin coa auga, todo vén diso. Os coches teñen todas as gomas desfeitas e póñense vermellos co lodo", explica outro veciño.
Non é a primeira vez que acontece, pero os veciños afirman que o episodio nunca fora tan longo.
Dende o comité de empresa piden tamén solucións a Alcoa para frear o problema e garantir a viabilidade da empresa.