Axudas da Xunta permitirán rehabilitar vivendas para traballadores en localidades pequenas
O Consello da Xunta aproba unha primeira liña de axudas para permitir que empresas, concellos ou particulares poñan vivendas á disposición dos traballadores que se instalen na contorna
O Consello da Xunta aprobou este luns crear unha liña de axudas de 1,5 millóns de euros para rehabilitar vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes e que vaian destinadas a traballadores que se instalen na contorna.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta axuda, creada pola Consellería de Emprego, en colaboración coa de Vivenda, busca salvar as dificultades que teñen para atopar onde vivir moitos traballadores que se instalan en ámbitos rurais.
As axudas van destinadas a empresas que teñan vivendas en propiedade ou que as adquiran para poñer á disposición dos seus empregados, así como cidadáns ou concellos que cheguen a acordos coas empresas para destinalas aos traballadores.
As vivendas que se rehabiliten grazas a estas axudas deberán permanecer durante ata dez anos como fogares dos traballadores das entidades beneficiarias e teñen que estar situadas a, como máximo, 15 quilómetros dos centros de traballo.
Á hora de puntuar as solicitudes terán preferencia sectores estratéxicos, e terán prioridade os beneficiarios das axudas ao retorno tanto en programas de emprego como con bolsas para estudar en Galicia.