Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Quería darlle un susto", di o gandeiro de Cerceda acusado de intentar matar o seu socio

"Quería darlle un susto", di o gandeiro de Cerceda acusado de intentar matar o seu socio

O acusado enfróntase a nove anos de cadea e declarou que os tres disparos que realizou foron ao aire

G24.gal 27/04/2026 14:43

Vítima e acusado son socios dunha explotación gandeira de Xesteda, en Cerceda, desde hai catro anos. E, segundo declararon no xuízo, con anterioridade ao día de autos xa tiveran problemas, polo que a súa relación era mala. Agora, un deles está acusado de intentar matar a tiros o outro. 

 "- Para que colleu a arma? - Para darlle un susto, porque sempre ameaza e todo. Aguantas, aguantas... Eu estaba bébedo e...". Así responde o acusado á pregunta do fiscal.

Contou que ese 8 de setembro de 2024 coincidiron pola mañá na explotación, que el chegou dúas horas antes que a vítima, como adoitaba pasar acotío. E que, contra a unha da tarde, o socio pediulle que fixese un traballo, porén el marchou a xantar. Segundo relatou, foi a Ordes e alí estivo consumindo alcol en tres locais. Despois regresou á granxa e realizou os tres disparos, segundo manifestou, todos ao aire.

Unha versión diferente á da vítima, que asegurou que en canto o viu na explotación xa traía a pistola en alto. Dixo tamén que non houbera discusión previa, pero que horas antes o chamara varias veces por teléfono.

"-Díxolle algo parecido a que o ía poñer como un coador? -Si, pero non sei se foi por teléfono ou despois. Iso non o lembro. Pero despois, si. Seguro. Dixo iso, disparou e eu fuxín".

O acusado agochouse detrás dun muro de formigón e, mentres estaba alí, dixo, realizou polo menos dous disparos máis. Daquela, chamou o 112 e media hora despois chegou a Garda Civil, que prendeu o agora investigado, que permanece en prisión provisional.

"Nós o que defendemos é que non houbo intención de matar. Si un delito de ameazas e outro de tenza ilícita de armas".

A Fiscalía solicita unha pena de nove anos de cadea. O xuízo retomarase o mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade