As dificultades para subir a un bus en Santiago en cadeira de rodas
Aumentan as queixas en Santiago porque o transporte urbano non dispón de ramplas automáticas
O vídeo dunha turista colgado en redes sociais reabre o debate
Séntense discriminados porque coller un bus urbano en Santiago é misión case imposible se utilizas cadeira de rodas. Así o deixou reflectido unha turista nas súas redes sociais
"Cando parei o autobús, o autobús non sacou a rampla, nin o condutor me dixo nada, e cando xa a xente subiu, pois o autobús marchou, a min é a primeira vez que me pasa. As ramplas entendo que se poden estragar e en Barcelona algunha vez se estropearon, pero o condutor é o primeiro que baixa do autobús e dicho", explica Montse Font, quen usa cadeira de rodas por unha atrofia muscular espiñal.
Por sorte en Vigo si puido viaxar en transporte urbano. A repercusión que estes vídeos están tendo poñen de manifesto as dificultades ás que se enfrontan cada día as persoas en cadeira de rodas, se viven en Santiago.
"Porque a maioría dos buses non teñen rampla automática, entón é manual e esíxenche que vaias acompañada para que o teu acompañante che baixe a rampla manual, entón eu non teño sempre quen vaia comigo", engade Ana Balboa, veciña de Santiago e usuaria de cadeira de rodas
Santiago está pendente dunha renovación do transporte urbano, que non será ata o 2027. A frota actual está moi avellentada. A mobilidade complícase tamén para acceder a un taxi adaptado.
"Teñen poucos taxis adaptados, creo que cumpren a normativa o 5 %, pero son poucos, e despois dáse tamén a circunstancia de que eses taxis non se poden reservar", apunta Álvaro García, responsable de Accesibilidade en COGAMI.
Non se poden reservar, e cando os precisan case nunca están dispoñibles
"Moitas veces penso e digo, como me facilitaría a vida que puidera usar un transporte público como calquera, non", conclúe Ana Balboa