Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un bus urbano perde o combustible por unha avaría no centro de Santiago

Un bus urbano perde o combustible por unha avaría no centro de Santiago

Os bombeiros tiveron que intervir para limpar o asfalto

Os usuarios denuncian o estado da frota e piden a súa renovación integral

G24.gal 26/09/2025 14:10

Un río de gasóleo alertou os veciños de San Roque, un autobús urbano estaba vertendo o combustible sobre o asfalto.

"Foi preto do mediodía, o bus parou aí nesa parada e botaba moitísimo combustible, algo fóra do normal. Chegou a Policía e tiveron que evacuar os pasaxeiros".

"Estivo chorreando gasóleo un tempo, chegou ao centro da rúa. Despois viñeron os bombeiros, botaron un líquido e despois unha especie de area".

O piso estaba esvaradío e perigoso e os bombeiros tiveron que intervir durante máis dunha hora para limpar a vertedura. O suceso obrigou a facer cortes parciais de tráfico nesta céntrica rúa.

"Estaba o piso cheo de aceite, ulía moito, aínda hoxe cheira".

"Os nenos do colexio estaban a piques de saír, cortaron o tráfico e había vehículos parados que non podían seguir".

Hoxe só queda o olor do gasóleo e o enfado dalgúns usuarios, que levan moitos anos denunciando o estado en que están os autobuses da cidade.

"Son vehículos moi vellos, e os que traen novos non son tan novos, veñen doutros sitios e algúns xa teñen enriba máis 150.000 quilómetros", explica Jesús Santos Villaverde, membro da Plataforma Veciñal de Santiago e da asociación Conxo Aberto.

"Fan moito ruído, se escoitan todas as engrenaxes". "Moitos buses están que dan pena". "Os coches vellos hai que renovalos. Se non o fan, é normal que pasen estas cousas".

Precisamente, esa é a demanda, unha renovación urxente da frota, e un bo mantemento dos buses que hai. Nos últimos anos rexistráronse avarías, accidentes e mesmo incendios nestes vehículos.

"Pedimos unha renovación total da frota, e que se faga un estudo real de mobilidade en Santiago no que se teña en conta a todas as asociacións veciñais, da cidade e do rural, e no que estean tamén as empresas e a Universidade", engade Jesús Santos Villaverde.

Piden tamén un mínimo de 70 buses na cidade, máis liñas e mellor accesibilidade agora que o Concello está pendente de licitar un novo contrato do transporte urbano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade