O minibús sen condutor creado en Galicia circula por primeira vez con pasaxeiros en Madrid
O vehículo foi desenvolvido polo Centro Tecnolóxico da Automoción do Porriño e é capaz de recoñecer os peóns e os semáforos e decidir por si mesmo cando debe parar
Shuttle, así o chaman, xa roda só polo asfalto de Madrid. O minibús creado polo Centro Tecnológico de Automoción de Galicia (CTAG) está demostrando as súas capacidades no primeiro proxecto piloto que se pon en marcha na Casa de Campo.
O vehículo, que non necesita condutor, está a facer unha ruta circular aberta ao público. A xente pode subir e comprobar como funciona co seu nivel de automatización 4: é quen de recoñecer as estradas, semáforos, peóns e ciclistas e decide por si mesmo cando parar, acelerar e xirar.
O minibús é o proxecto no que leva traballando cinco anos o CTAG no Porriño. Coas súas cámaras e sensores, pode procesar en tempo real datos do seu movemento e dos sistemas de seguridade do exterior.
Literalmente, pode circular por si mesmo se coñece a zona e recoñece os sinais que vai recibindo. A lei, de momento, esixe que leve un condutor que poida coller os mandos en caso de emerxencia, pero, se non, circula completamente só.
Múltiples posibilidades
A demostración foi unha idea do CTAG e da Empresa Municipal de Transportes de Madrid para dar a coñecer o novo vehículo. Ata o 24 de outubro estará facendo un percorrido circular pola Casa de Campo, de 1,8 quilómetros e seis paradas.
Pode levar doce pasaxeiros e é un servizo gratuíto, de luns a venres e de 12:00 a 17:00. E silencioso, xa que se trata dun vehículo eléctrico.
O plan do CTAG foi crear un medio de transporte que se poida usar en lugares como polígonos industriais, áreas comerciais, aeroportos ou campus universitarios. Tamén nos centros históricos onde se limite a presenza de automóbiles.
O sistema incluso permitiría que varios minibuses circulen ao mesmo tempo, sempre sen condutores, supervisados dende un centro de control.