Os bares de praia poderán abrir en Galicia desde Semana Santa ata outubro
Alfonso Rueda explicou que a medida busca darlles estabilidade aos emprendedores para que melloren os seus negocios
Rueda reuniuse cos representantes de 86 concellos costeiros para consensuar os proxectos agora que a Xunta ten as competencias no litoral
Os bares de praia poderán abrir en Galicia desde Semana Santa ata outubro. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que a medida busca "darlles estabilidade aos emprendedores para que melloren os seus negocios".
"Todos eses establecementos que tiñan esa interrupción que botaba atrás a moitos emprendedores porque non lles compensaba, imos darlles continuidade", asegurou Rueda.
O presidente reuniu os representantes dos concellos costeiros galegos para consensuar os proxectos agora que a Xunta ten as competencias no litoral, e pediulles colaboración para poñer en valor os inmobles abandonados.
Alfonso Rueda e a conselleira Ánxeles Vázquez, no cumio cos alcaldes de concellos costeiros galegos
Na actualidade estes "establecementos efémeros de hostalería", como os chamou o presidente galego durante un acto con alcaldes e representantes dos 86 municipios do litoral galego, tiñan que pechar entre o fin da Semana Santa e o inicio da tempada de verán, o 1 de xuño.
Rueda pediu desterrar "as connotacións negativas" que ás veces se lles dá aos bares de praia e sinalou que, a cambio desta ampliación do período de traballo, estes establecementos terán que ter unha imaxe máis coidada e ofrecer máis calidade.
O presidente galego explicou que esta é unha das primeiras decisións que a Xunta quere poñer en marcha no litoral desde que asumiu as competencias o pasado mes de xullo e comprometeu cos representantes municipais "cogobernanza de verdade" nesta materia.
"Dise con moita facilidade (cogobernanza) pero hai que demostralo. Se queremos que salga ben ten que ser certo", incidiu Rueda, que interpelou á súa audiencia: "Este pacto polo litoral ten que servir para tentar poñernos de acordo en que temos que facer e en como temos que facelo".
Acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, o presidente galego recoñeceu que a asunción das competencias de litoral é "algo novo" para a Xunta e ten moitas implicacións, tanto xurídicas, como de ordenación do territorio e mesmo sobre "a visión política, non partidista", polo que animou "a poñerse de acordo no fundamental" entre a administración autonómica e a local.
Rueda tamén comprometeu que antes de final de ano estará listo o catálogo de novos usos no litoral, unhas novas actuacións que estará marcadas polo "sentidiño", xa que "isto non é ningunha barra libre nin ningunha oportunidade para facer disparates que antes non se podían facer", advertiu.
"Agora ábrense posibilidades para que edificacións que se estaban desmoronando poidan ter segunda vida preservando o litoral, porque non vale a formulación de que non se pode facer nada: hai que poder vivir no litoral e do litoral", concluíu.
Un equipo da Xunta percorre o litoral galego dende Ribadeo ata A Guarda para estudar o que se precisa e poñer en marcha unha senda que una toda a costa de Galicia.