Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os apicultores preocupados polo inicio da actividade da velutina

Os apicultores preocupados polo inicio da actividade da velutina

Malia o inverno de choivas, a avespa asiática xa foi detectada en numerosas zonas de Galicia

O trampeo é a principal ferramenta para confrontala, xa que está establecida por toda a xeografía

 

G24.gal 22/03/2026 14:44 Última actualización 22/03/2026 15:07

Hai catro anos que Manuel decidiu poñer en práctica en Lalín todo o que aprendeu nun proxecto privado de recuperación do patrimonio apícola galego. Con alvarizas na Serra do Candán e dos Ancares, a evolución da velutina é fundamental para o seu programa.

"Empeza xa a verse. Xa a temos na costa, hai compañeiros que a teñen no interior e na montaña, na serra dos Ancares. Está empezando forte en todo o territorio", comenta Manuel Méijome, apicultor da empresa "Alvariza".

Coa chegada da primavera, a velutina raíña sae da invernada e comeza a buscar alimento para despois facer os enormes niños tan habituais dende hai dez anos. O trampeo é a principal ferramenta coa que contan os apicultores para facerlle fronte á ameaza da avespa asiática, que en Galicia xa está case normalizada, lamenta.

"Xa a temos que considerar da casa, está en todo o territorio: dende ás praias aos cumios máis altos de Ancares, Trevinca e Courel. Está, eu non diría estabilizada, pero cada ano vaise comportar en función dese clima e en tódolos concellos temos xa velutina", confirma este apicultor de Lalín.

Unha colmea pode producir entre quince ou vinte quilos de mel nos mellores casos, que dependendo da categoría pode venderse a granel por tres euros e medio o litro. Mais a irrupción da velutina pode supoñer perdas dun sesenta por cento da produción e en caso de colmeas febles, a súa destrución. Unha preocupación moi grande para os apicultores.

"Se a primavera vén moito de auga, vainas atrasar. Temos a experiencia do ano pasado. Se vén unha primavera seca e de calor, virán antes", conta Manuel Méijome.

O ano pasado houbo unha produción record de 370 toneladas de mel galego dentro da Indicación Xeográfica Protexida, e aínda que na costa baixou a colleita, os resultados dependerán en gran parte de como evolucione a presenza desta especie invasora que é a velutina.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade