Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vigo e Santiago achéganse ao "límite razoable" de endebedamento para mercar vivenda

Vigo e Santiago achéganse ao "límite razoable" de endebedamento para mercar vivenda

O último informe da plataforma de taxación Tinsa revela que os prezos subiron máis do 21 % en Compostela e un 6,4 % en Vigo

En Vigo e na Coruña a maioría da oferta son aloxamentos para reformar, o que esixe contar con moitos aforros previos

G24.gal 21/05/2026 14:58

Case artigos de luxo. O prezo da vivenda segue subindo en España e o acceso a unha residencia complícase cada vez máis para milleiros de cidadáns. Só en maio chegaron varios indicadores que confirman a tendencia: o Colexio de Rexistradores constata que o prezo do metro cadrado alcanzou un máximo histórico; Eurostat recolle un aumento do 81 % na última década; e agora o informe da plataforma Tinsa apunta que os prezos tamén están subindo nas cidades que non son capitais de provincia. En Vigo, nun ano, aumentaron un 6,4 %; en Santiago, un 21,4 %.

"Hai unha demanda terrible e moi pouca oferta e a xente cada vez está fuxindo máis aos arredores e busca cousas fóra de Santiago porque é imposible aquí", asegura Alberto Ventosa, da inmobiliaria Quantrium.

Así que Santiago e tamén Vigo estanse aproximando ao que se coñece como "límite razoable" de endebedamento, que a porcentaxe dos ingresos dunha familia que hai que destinar a pagar unha hipoteca non supere o 35 por cento.

Segundo Tinsa, en Vigo xa está no 34 % e en Santiago no 31 %. Chegan, por tanto, á mesma situación da Coruña, onde esa estatística está precisamente no 35 por cento.

"O cliente que depende dunha débeda non vai poder mercar unha vivenda. A menos que se solucione sacando ao mercado novas vivendas", explica Carlos Carrera, experto hipotecario de Íntegra Consultores de Vigo.

Porque ademais en cidades como Vigo ou A Coruña hai moi pouca vivenda nova. A maioría da oferta son pisos para reformar. E mercar un aloxamento así impón outra barreira: hai que contar con moitos aforros para sufragar a compra e poder pagar as obras despois, xa que os bancos non adoitan conceder préstamos para reformas.

"Da escasa oferta que hai, o 80 % é vivenda para reformar. E a dificultade para o consumidor é que non atopa unha vivenda para entrar a vivir", alerta Josué Gándara, da Inmobiliaria Doval de Vigo.

E nin sequera é doado conseguir unha vivenda en alugueiro, porque tamén están subindo. Na Coruña e en Vigo a media xa pasa dos setecentos euros ao mes. E nalgúns concellos turísticos, como Nigrán ou Baiona, apenas hai alugamentos de longa duración porque a maioría son aloxamentos turísticos de temporada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos