Preocupación por unha vivenda ocupada ilegalmente no barrio ourensán do Vinteún
A ocupación ilegal dun edificio abandonado no barrio ourensán do Vinteún ten agoniados os veciños
Din que hai pelexas constantemente, que cada pouco ten que vir a policía, e quéixanse tamén do ruído e da sucidade
Aseguran que os ocupantes da vivenda fan lume e temen que se orixine un incendio
A recentemente reformada rúa Alejandro Pedrosa, no barrio oursensán do Vinteún, converteuse nun novo punto de encontro para a veciñanza. Polas mañás, o espazo énchese de persoas que buscan un pouco de aire fresco, pero ao caer a noite a tranquilidade desaparece. Os residentes renuncian ruídos, lixo e fogeuiras improvisadas nas inmediacións dunha vivenda ocupada.
"A situación, moi mala. Eu vivo en fronte e véxoo desde a miña casa, cando hai lume, cando se pelexan...". "Mala. Calquera día prenden lume e arde todo. A policía vai e vén, pero nada. Iso é unha estercoleira. Non hai ratas, hai crocodilos", aseguran dous veciños.
A preocupación da veciñanza céntrase na vivenda ocupada situada xunto a praza. Temen que algunhas das fogeuiras acabe provocando un incendio.
"Eu teño unha curmá que vive no edificio do lado e ten medo porque fan lume e é un perigo para os veciños. Á parte dos ruídos, animais que teñen aí, defecan na parte de atrás...", di unha muller.
Aseguran que a policía acode con frecuencia á zona por pelexas que nalgún caso teñen precisado asistencia médica. Tamén houbo problemas polo abandono de dous cans en plena vaga de calor.
"Tres coches da policía estaban aquí parando os que viñan de arriba, pola droga". "Hai pelexas, pola droga". "Tiñan dous cans abandonados. Os veciños dábanlles de comer e auga. Pero xa os debeu levar a protectora. Hai que buscar solucións", explican os veciños.
Os conflitos entre os propios ocupantes da vivenda levaron a que unha delas durma agora nun portal, á intemperie. Os veciños piden que se tomen medidas, coa intervención dos servizos sociais.