A Xunta licita por 9,6 millóns 80 vivendas compartidas para menores de 36 anos en Vigo
O edificio estará rematado en 2028 e destinarase a aloxamento temporal en réxime de alugueiro
A Administración autonómica promove proxectos similares en Santiago de Compostela, Lugo e A Coruña, que xunto co de Vigo sumarán un total de 340 vivendas
A Xunta licitou por 9,6 millóns de euros as obras dos 80 aloxamentos compartidos que se construirán en San Paio de Navia, en Vigo, e que estarán destinados a menores de 36 anos, segundo informou este mércores a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
O edificio destinarase a aloxamento temporal en réxime de alugueiro para persoas menores de 36 anos e, segundo destacou a conselleira, é o primeiro deste tipo cuxa construción sae a licitación entre os proxectos que a Xunta está a impulsar en Galicia.
Obxectivo: facilitar a emancipación dos mozos
Trátase dunha alternativa residencial regulada pola Xunta a través dunha modificación normativa que entrou en vigor en 2025 e que pretende facilitar a emancipación dos mozos na súa incorporación ao mercado laboral.
"É o primeiro aloxamento compartido que licitamos en toda Galicia e isto é grazas á modificación normativa que fixemos e que entrou en vigor a comezos de 2025, que nos permiten crear estas formas de convivencia", explicou a conselleira María Martínez Allegue.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de outubro e, unha vez adxudicadas as obras, o prazo de execución será de 24 meses.
A conselleira destacou o deseño e a calidade do proxecto, asinado polos arquitectos Alfonso Penela e Juan Taboada.
Edificio con planta baixa, 4 alturas e terraza exterior
O inmoble contará con planta baixa e 4 alturas, con 20 aloxamentos por planta, catro deles adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Ademais, dispoñerá de diversos servizos comúns, entre eles un espazo de traballo e coworking, aberto tanto aos residentes como a persoas alleas ao edificio, unha zona de lavandería en cada planta e 92 prazas para aparcamento de bicicletas.
Unha das singularidades do proxecto será a súa cuberta transitable, concibida como unha gran terraza exterior onde poderán instalarse hortos elevados a modo de xardineiras. O deseño presta especial atención á sustentabilidade, xa que incorpora sistemas de aerotermia e paneis solares na cuberta.
A Administración autonómica promove proxectos similares de aloxamentos compartidos en Santiago de Compostela, Lugo e A Coruña, que xunto co de Vigo sumarán un total de 340 vivendas.
En San Paio de Navia, onde se vai construir este edificio, moitos dos veciños viven de alugueiro e outros lembran que mercaron hai anos cando había máis facilidades:
"Cando eu merquei a miña vivenda había moitas axudas, pero hoxe en día está todo moi caro e todo está moi difícil para a xente nova".
"Eu teño 35 anos, a día de hoxe teño un fillo e sigo vivindo de alugueiro, e no momento no que pasen os cinco anos de contrato non sei que vou facer".
"No meu caso teño vivenda, pero estiven moitos anos pagando por tela e non merquei a vivenda que eu quería".