Prohibido o baño en 3 praias de Baiona e na Fervenza de Mondoñedo por contaminación
O concello do Val Miñor prohibiu bañarse nos areais de Santa Marta, A Ladeira e Ribeira por un episodio de contaminación microbiolóxica
En Mondoñedo, tampouco se permite o baño na área recreativa da Fervenza pola presenza na auga das bacterias escherichia coli e enterococos
Praia da Ladeira, Baiona. Turismo de Galicia
O Concello de Baiona prohibiu temporalmente o baño nas praias de Santa Marta, A Ladeira e Ribeira tras detectarse un episodio de contaminación microbiolóxica nas súas augas, segundo os resultados das últimas analíticas realizadas polo Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño da Xunta de Galicia.
A medida, adoptada con carácter preventivo e en cumprimento da normativa estatal sobre a xestión da calidade das augas de baño, supuxo o izado da bandeira vermella nos tres areais.
A restrición permanecerá vixente ata que novas analíticas confirmen que a auga reúne de novo as condicións sanitarias esixidas para o baño.
Investíganse as causas da incidencia
O Concello traballa de forma coordinada coa empresa concesionaria do servizo integral da auga, Gestagua, e con Augas de Galicia para investigar a orixe da incidencia. De momento, solicitáronse novas mostraxes e analíticas para comprobar a evolución dos parámetros microbiolóxicos e levantar as restricións en canto os resultados o permitan.
Baiona viviu hai apenas uns días un episodio similar na Ladeira e Santa Marta, que durou apenas dous días ata que se izou de novo a bandeira verde.
Presenza de escherichia coli e enterococos intestinais en Mondoñedo
O Concello de Mondoñedo informou de que está temporalmente prohibido o baño na área recreativa da Fervenza por niveis de contaminación microbiolóxica "superiores aos valores aceptables".
En concreto, as análises realizadas na auga do río Tronceda detectaron niveis de contaminación microbiolóxica "superiores aos valores aceptables", con "presenza elevada" de escherichia coli e enterococos intestinais.
A prohibición manterase ata que novas análises confirmen que a auga reúne novamente as condicións sanitarias adecuadas para o baño.
"Rogamos que se respecte a sinalización instalada na zona e agradecemos a colaboración dos veciños e das persoas usuarias deste espazo", instou o Goberno local no seu comunicado.