As trampas caseiras arredan as velutinas nun radio de 150 metros
A primavera é a época idónea para trampear e conter o auxe da vespa asiática
As trampas caseiras son tan eficaces como as comerciais
A primavera é a época do ano en que as velutinas empezan o ciclo vital. Por iso, é o mellor momento para controlar a súa expansión, cazando cantas máis raíñas mellor. Un niño pode dar ata 20.000 vespas nunha tempada.
"Se poñemos un par de trampas preto da nosa casa, no xardín, conseguiremos rediucir un gran número de velutinas. Capturaremos moitas que estean de paso e todas as que se queiran asentar preto da trampa. A trampa ben colocada vai manter limpo un radio de 150 metros", explica Rafael Díaz, técnico apícola e delegado da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra.
Di que así conseguiron que en Narón haxa unha cuarta parte de niños en comparación con outros concellos. E que as trampas comerciais son igual de eficaces que as caseiras fabricadas con dúas botellas de plástico.
"A pequena cortámola en forma de funil. Á grande facémoslle un corte en cruz e incorporamos. Xa está a trampa. Pero a botella non fai nada. Dentro metemos un atraente. O máis económico e eficaz é quentar medio litro de auga e engadirlle 200 gramos de azucre e 5 gramos de levadura fresca de pan", aconsella Rafael Díaz, técnico apícola e delegado da Asociación Galega de Apicultura en Ferrolterra.
Débense colocar en árbores con flor, sobre todo en plantas de orixe asiática coma as camelias, nun lugar onde dea o sol e renovalas cada quince días.