As velutinas adáptanse ao inverno galego: a última vítima, un madeireiro
Un home recibiu varias picadas cando cortaba madeira en Campañó, en Pontevedra, e acabou en urxencias por ser alérxico
Advirten da necesidade de seguir retirando niños para acabar coas raíñas
Era un niño grande pero cando o viu, xa tiña o enxame enriba del, coma quen di. Foi un bo susto porque o home é alérxico.
"Era moi grande e tiña moita actividade. Aínda tería moitas obreiras, porque todo aquelo raíñas sería demasiado. A árbore caeu ao chan e foron ao madeireiro e picárono tres", explica Manuel Outón, apicultor.
"Tamén a anécdota de que mataron un coello alí ao lado, nunha casa", engade José Sanmartín, voluntario na retirada de niños.
Este outono a ameaza das velutinas non desapareceu coa chegada do frío. Parece que son as grandes beneficiadas do cambio climático.
"Está indo máis alá porque se están adaptando ao tempo. Estes días choveu bastante pero tivemos un mes de outubro de moitísima calor e as velutinas aí aguantan ben", confirma Sanmartín.
Certo que teñen menos actividade, coma neste de Barro, desta mesma mañá, ou tamén no caso de Campañó.
"Neste de Campañó a zona onde van as larvas, estaba todo morto. Só quedaban as velutinas vivas que unhas serán raíñas novas e outras acabarán morrendo", sinala un voluntario de Barro.
"Neste momento xa só hai raíñas. Matamos o outro día un nunha casa e había dez soas e as dez eran raíñas", coincide Outón.
De aí a importancia de sacar os niños, de acabar coas raíñas que buscan acubillo para pasar o inverno ao quente.
"Ata agora matabas velutinas pero agora matas raíñas e de cada raíña, sae un niño e de cada niño, saen cincuenta raíñas aproximadamente", advirte o apicultor.
"As raíñas agora van estar hibernando. Despois van facer un pequeno niño primario, que se chama, que son os que fan na terra, en bloques, en sitios seguros. Hai que quitalos de noite porque é cando está toda a familia dentro", recomenda José Sanmartín.
O ano que vén toca adiantarse coas trampas, xa dende finais de xaneiro para evitar desgustos. Galicia ten a maior taxa de falecementos por picaduras de velutina de España e o do mundo. Outubro foi un mes negro: en só dúas semanas morreron tres homes polo ataque dun enxame. En máis dun caso estaban agochadas no chan.