Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desconcerto no primeiro día do novo mapa de autobuses urbanos de Ourense

Desconcerto no primeiro día do novo mapa de autobuses urbanos de Ourense

O número de liñas redúcese á metade, de 33 a 16, pero con percorridos máis longos

Varias parroquias do rural quéixanse da redución de frecuencias e de modificacións nas rutas que non lles resultan operativas

G24.gal 16/09/2025 14:11

O primeiro día do novo mapa dos autobuses urbanos de Ourense colleu a moitos dos usuarios habituais co pé cambiado. Nas parroquias de Beiro, Castro de Beiro, Palmés e Vilar de Astrés presentaron máis dun milleiro de sinaturas contra os cambios nas liñas. Quéixanse de que os afastan do centro da cidade e de que os estudantes non chegan a tempo ás clases.

Sindo Sarmiento, presidente da asociación de veciños de Castro de Beiro: "Tiñamos un autobús á mañá para baixar os rapaces, ás oito menos cuarto. Pero agora, saíndo ás oito de Palmés, teñen que baixalos os pais ao colexio".

Xosé Ramón Piñeiro, presidente da Agrupación Miño de veciños do rural: "Apártanos da praza de abastos, do Concello, da Deputación... do centro".

Rairo, Cudeiro e Seixalbo son outras das localidades da periferia que amosaron o seu malestar co novo deseño de rutas.

"Mal, porque antes viñan cada cuarto de hora e agora cada media. Non é normal que vaiamos para atrás", comenta unha veciña de Seixalbo.

Lamentan que se poña en práctica xusto coincidindo co inicio do curso escolar e a volta ás rutinas.

Xosé Carballido, presidente da asociación de veciños de Seixalbo: "Facer estes experimentos xusto agora, co curso empezado..., a xente estaba agoniada. Onte recibimos cantidade de chamadas na asociación, e iso que fixemos un horario especial feito por nós".

O novo mapa pasa de 33 a 16 liñas, pero con percorridos máis longos e frecuencias que oscilan entre os 30 e os 90 minutos. Durante toda a semana, o Concello e a empresa concesionaria instalarán unha carpa itinerante para informar os veciños.

Nesta primeira semana, que coincide coa Semana Europea da Mobilidade, os autobuses son gratuítos para todos os usuarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar