Rueda aféalle ao Goberno que penalice todo Lugo por deixar sen conexión eléctrica a Altri
"Temos que tentar cambialo", advirte o presidente da Xunta
.png)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afeoulle ao Goberno central que deixara sen conexión eléctrica o proxecto da multinacional lusa Altri de construír unha fábrica de celulosa e fibra téxtil no municipio de Palas de Rei, o que supón penalizar toda a provincia de Lugo.
Nunha tribuna de traballo organizada en Vigo, Rueda afirmou sobre a planificación enerxética do Goberno central en Galicia que "parece que non hai tan malas noticias en tres provincias", pero si en Lugo.
"Por negarlle a conexión a unha empresa concreta deixan sen conexión toda unha provincia. Iso non o entende ninguén e temos que tentar cambialo", advertiu o dirixente autonómico sobre o plan do Goberno central sobre redes de distribución enerxética.
Rueda destacou as "enormes oportunidades" da comunidade autónoma con enerxía renovable e referiuse, por exemplo, á eólica mariña, que "a ver se arrinca dunha vez", sabendo que "ten que convivir coa pesca".
"Aí necesitamos de verdade que os profesionais botedes unha man obxectiva desde o punto de vista técnico", dixo o presidente galego aos empresarios ante as "correntes contrarias" a proxectos vinculados, por exemplo, con recursos mineiros.
"Aquí todo o mundo sabe que hai unha serie de formulacións ás que van dicir non, de forma preventiva, e ás veces as formas preventivas acaban converténdose en permanentes e polo tanto hai tanta oposición para facer cousas que xa non se pode facer nada", opinou o mandatario galego.
Rueda afirma que o seu gabinete non vai facer "ningún disparate" cos informes técnicos sobre proxectos empresariais porque na Administración pública galega son "absolutamente rigorosos" pola conta que lles trae, xa que son os "primeiros responsables" das decisións que se toman, "mesmo ante unha posible denuncia penal".
O dirixente galego afirma que "hai grandes oportunidades para Galicia", con empresarios "realmente" interesados en traer os seus proxectos e "por iso nós tentamos lanzar esa mensaxe de que, se os proxectos cumpren, os proxectos teñen que ser apoiados, porque iso estano vendo os investidores", asegurou.
"Ao final é un proxecto empresarial, pero todo isto estano vendo outros", advertiu Rueda.