Decenas de coruñeses agardan á porta da confeitería Glaccé para facerse coas súas derradeiras roscas
Decenas de coruñeses agardan á porta da confeitería Glaccé para facerse coas súas derradeiras roscas
Algúns clientes agardaron arredor de dúas horas e quedaron sen elas porque se esgotaron antes
"Levo máis dunha hora e faise ringleira porque pechan o domingo. E todos queremos ter o último anaco, que están riquísimas".
Decenas de coruñeses amoreábanse este venres ás portas da tradicional confeitería Glaccé. Unha confeitería que ten os días contados porque este domingo baixará a reixa de xeito definitivo. E son moitos os coruñeses que non desperdician a oportunidade de facerse coas súas últimas roscas.
"Levo dúas, unha para conxelar e outra para comer hoxe coa familia". "O outro día, unha rapaza levaba sete". "Hai xente que a conxela e así a pode comer en Reis porque dixeron que si que se podía".
Algúns clientes agardaron ás portas do local arredor de dúas horas. Pero ninguén lles asegurou que transcorrido ese tempo, si poderían mercar o manxar que querían.
"Xa non quedan roscas".
"Non sei se volverei mañá, agora digo que non. Pero mañá ao mellor veño". "Coas mans baleiras non quero marchar. A ver se chego a algo: croissant, pastas".
Son moitos anos de tradición, nada menos que 60, e moitos queren saborear as roscas por derradeira vez.
"Eu levo moitos anos facendo cola. É de sempre". "Dá moita pena que peche".
Con Glaccé marcha a receita secreta da súa rosca e tamén as longas ringleiras que se repetían, ano tras anos, todos os nadais.