O autor do crime de Coia di que actuou en defensa propia mentres o fiscal pide 23 anos de cadea
As acusacións piden para o acusado penas de arredor de 23 anos de cadea por asasinato
A defensa reclama a libre absolución e asegura que actuou "en lexítima defensa"
O xuízo polo crime de Coia retomouse esta tarde co testemuño de varias veciñas do acusado. Explicaron que a vítima adoitaba acosalo e que non era o primeiro incidente entre eles. A nai do reo relatou unha agresión previa cunha pedra. Apuntalan así a versión da defensa, que sostén que o acusado actuou movido por un medo insuperable e en lexítima defensa, despois de que o falecido aparecese na súa casa armado cun coitelo.
Eduardo Martínez, avogado da defensa, sostén que “aquí hai unha cousa clara: o meu defendido matou unha persoa. De aí a dicir que é un asasinato hai un abismo”. Alega tamén que actuou baixo efecto das drogas e pide a absolución ou cando menos unha condena por homicido.
Pero a fiscalía e a acusación particular cren que se trata dun caso de asasinato, e reclaman penas de entre 22 anos e 10 meses e 23 anos e medio de cadea. Rogelio González, representante da acusación, explica que “nós pedimos un delito de asasinato máis un de tenza ilícita de armas”.
O home está acusado de matar a vítima cun disparo de escopeta na cara en abril do ano pasado. O inicio do xuízo tivo que suspenderse dúas veces, unha porque un membro do xurado dixo coñecer o acusado e houbo que substituílo e outra cando o procesado se sentiu indisposto e houbo que levalo a urxencias. A vista oral seguirá ata o xoves.